Chicadecanela, complementos para románticas e soñadoras

Cécile é romántica e cheira a lavanda. Ten ollada de sorpresa, unhas meixelas encarnadas e coquetos vestidos. Calquera pensaría que vén de París, pero en realidade esta boneca nace nun pequeno obradoiro artesanal en Lugo, e desde aí emprende a súa viaxe a EEUU, Francia ou Bélxica. A galega Lucía Dorado é a súa creadora, unha licenciada en Dereito que decidiu dar un xiro á súa traxectoria para facer cousas bonitas de xeito artesanal. Bolsos de pel, bixutería, calzado, bonecas-xoia…, complementos que fai con moito mimo baixo a marca Chicadecanela desde o ano 2005.

Falamos con Lucía para coñecer máis acerca das súas creacións, motivacións e traballo.

– Desde o principio apostaches pola filosofía crafty e polo valor do feito a man. Agora estes conceptos están plenamente de moda, pero non o estaban tanto cando deches o paso de montar Chicadecanela. Como foi abrirse camiño neste eido?

Apostei polo artesanal porque era o que tiña, nunca foi unha pose, senón unha realidade, de ter moi poucos recursos, ferramentas e materiais limitados e intentar facer o mellor posible a partir de aí. Se ben é certo que non existía o mundo handmade en España de xeito tan desenvolvido, si que existía fóra, e a través dos blogs fun coñecendo e gustando dese mundo do artesanal e pensando que eu tamén podía tentar vivir daquilo que facía coas miñas propias mans.

– A boneca Cécile é un dos teus produtos predilectos, que nos podes contar dela?

Cécile é una boneca-colgante de aparencia moi doce, rechea de lavanda, ao xeito dunha desas bolsas de olor de toda a vida. É un deseño cheo de nostalxia e romanticismo. Desde o principio foi un dos meus deseños máis especiais e queridos. Agora existen unha morea de bonecas-xoia para nenas grandes, converteuse nunha tendencia. Cando naceu Cécile, en 2005, non había nada parecido, polo menos que eu soubese, unha boneca con nome propio para poder levar como un complemento. Non sei se inventei unha tendencia ou xa había algo no aire —ás veces ocorre—, pero nunca deixou de sorprenderme o éxito inmediato que tivo, e sobre todo, cantas imitacións! Irrítame e faime gracia ao mesmo tempo. A verdade é que Cécile sempre me dá alegrías: a última, ser utilizada como imaxe do salón Eclat de Mode en París. Imaxinade o que é chegar ao medio de París e atoparse cunha Cécile de varios metros de altura! Tamén se fixeron bolsas, libretiñas, catálogos… foi un momento moi especial.

– Ademais de Cécile, que tipo de produtos podemos atopar en Chicadecanela? Cales son os máis demandados?

Bolsos de pel que facemos no taller de xeito completamente artesanal, bixutería de todo tipo —especialmente incorporando téxtil— e agora tamén calzado. A demanda varía enormemente coas modas: ata o de agora o máis vendido era a bixutería, pero desde fai unhas tempadas percibo un renovado interese polo bolso de pel, a un prezo razoable e con deseños especiais. Niso somos especialistas!

– Cales son os materiais e técnicas -punto de cruz, ganchillo…-, que máis utilizas? 

Efectivamente, utilizo moito o punto de cruz para pezas de bixutería que teñen moitísimo éxito: colares, aneis, pendentes… Son deseños sinxelos e fáciles de realizar. O ganchillo tamén o utilizamos e facemos desde pezas máis pequenas —un vestido para Cécile todo de ganchillo, por exemplo— ata bolsos completamente ganchillados a man. De todas formas, en canto ás técnicas artesanais, atopo que funciona mellor engadir un pequeno detalle que facer pezas moi elaboradas xa que, ao levar tantísimas horas, e ser feitas na terra, por xentiña de aquí, o prezo encarécese moitísimo e non resulta comercialmente viable. Sen embargo, pezas máis pequenas, feitas con agarimo, si que se pagan e se valoran.

– Gustarame Chicadecanela se son unha muller….

Romántica, nostálxica, naif, divertida, estilosa, sensible, soñadora… orixinal.

– Onde desenvolves o teu traballo? Traballas soa ou cun equipo?

Teño un pequeno obradoiro artesanal en Lugo, somos tres persoas en total traballando no obradoiro, ademais dos nosos representantes vendendo as pezas polo mundo. No taller fanse os deseños, fabrícanse os prototipos e, ata o momento, faise a maior parte da produción tamén. Todo o facemos entre todas (somos tres rapazas) e ademais eu, que remedio, teño que facer as miñas tarefas de empresaria, desde encargar materiais aos provedores, ata pasar polo banco. Un millar de pequenos quefaceres, como calquera autónomo do planeta, xa vos podedes imaxinar. É moitísimo traballo, pero cada nova colección rematada compensa por todas a penas pasadas.

– Onde podemos adquirir os produtos de Chicadecanela: internet, puntos físicos de venda…?

En tendas lindas de todo o mundo: en España, en Francia, en Bélxica, en moitos países! O máis recente: os pendentes bordados en punto de cruz “Oui” comezaron a venderse na boutique de Vodas BHLDN, filial da archifamosa Anthropologie nos EEUU. Teremos en breve a renovación da tenda online, que foi o primeiro punto de venda Chicadecanela no mundo e que nos últimos anos estivo completamente abandonada. Quero volver a relanzala con produtos exclusivos, pezas pequenas… espero que sexa nalgún intre entre agora e o mes de agosto. De modo que www.chicadecanela.com, moi, moi pronto.

– Que podemos atopar na colección para esta primavera-verán?

É unha colección moi artesanal, non só porque efectivamente o é, senón porque esta vez quixemos potenciar esa calidade, utilizando boas peles de procedencia española cosidas con fíos ben grosos, con adornos en latón, sen forros —amosando a boa calidade da pel e das terminacións— e co logo gravado na pel. Autenticidade. E tamén o romanticismo das cores suaves -amarelo, camel, topo, rosa, melocotón- e remates en ondiñas, moi de tendencia esta tempada, pero unha das nosas sinais de identidade de sempre. Tamén aparece nesta colección a mini-Cécile: Cécile en versión pequeniña para levar como pendentes ou colgante pero, ollo, tamén vai arrecendendo a lavanda por suposto!

– Gústache colaborar con outros artesáns na creación de produtos conxuntos. Tes algunha colaboración prevista proximamente?

Si, encántame, atopo que dous xuntos poden facer sen dúbida cousas máis interesantes que un só, e, sobre todo, se é para un campo que un non coñece é perfecta unha colaboración. Claro que, ten que existir un punto de partida estético, filosófico común, para que a experiencia poida resultar fructífera e coherente. O meu último proxecto colaborativo é unha nova liña de calzado xunto coa deseñadora mexicana Goldenponies. Presentamos a primeira colección en París, que chegará ás tendas este outono, e estamos xa a deseñar unha segunda colección para a próxima primavera. Adoro os zapatos de modo que está a resultar un proxecto case de ensoño para mi.

– Que novas sorpresas ten Chicadecanela preparadas para as súas fans? Estás traballando nalgún proxecto novo?

Si, si, moitísimos proxectos! Algúns dos que aínda non se pode desvelar nada, porque están  moi incipientes e outros xa totalmente desenvolvidos como o dos zapatos que vos comentaba. E tamén a nova tenda online na que estamos traballando e que sairá simultaneamente para España e para Francia, o noso país de adopción.

Fotos | Chicadecanela

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *