Vídeos para a fin de semana: Eurovisión!

Si! Un ano máis, chega unha das citas máis esperada por moitos nós: o festival europeo da canción, Eurovisión! Os vídeos de hoxe só podían ser estes. Pensamos en facer algo distinto, pero o top trapalleiro deste ano xa leva unhas semanas publicado e o top 10 friki da historia de Eurovisión fixémolo o ano pasado, así que toca deixarvos todas as cancións clasificadas para a final que terá lugar mañá para que poidades analizalas, criticalas e escoller favoritos. Este ano é en xeral bastante pobre (parece que ninguén quere gañar e organizar o festival o ano que vén, que é moi caro), pero hai cousas salvables!

1. Reino Unido. Engelbert Humberdinck – Love Will Set You Free. Este señor de nome nada fácil de lembrar e escribir é un tipo bastante famoso no Reino Unido. A canción está ben (un, dous, tres; un, dous, tres), pero non cremos que teña posibilidades de gañar neste século.

2. Hungría. Compact Disco – Sound Of Our Hearts. Chámanse así, supoñemos, porque empezan a reivindicar a volta dos CDs para ser retro e vintage. Van de modernos, pero ai, tamén van de modernos The Killers.

3. Albania. Rona Nishliu – Suus. Unha especie de Björk comercial disposta a facerlle a competencia en gritos a Pastora Soler. É fascinante como a xente aplaude os seus desafines. Aínda así, todo é tan inquietante (o seu pelo, o momento no que os gritos son hiper agudos, o feito de que case chore) que engancha.

4. Lituania. Donny Montell – Love Is Blind. Alguén comentaba onte en Twitter que sería divertido que os axudantes que levan ao representante de Lituania ao escenario o colocasen mirando para outro lado. Non pasou, podemos confiar aínda na final. Canta media canción cos ollos tapados (porque o amor é cego) e despois fai uns movementos dos que somos moi fans. Quen non bailaría así se chegase a Eurovisión? A identificación é fácil.

5. Bosnia-Herzegovina. Maya Sar – Korake Ti Znam. Maya Sar espera poder enganarnos a todos co seu pelo e maquillaxe sesenteiros, pero non o vai conseguir. Canta ben, pero a canción é unha balada aburrida. O piano e o pelo non bastan para chegar a ABBA. Pausa baño.

6. Rusia. Buranovskiye Babushki – Party For Everybody. As estrelas indiscutibles desta edición. Entre todas suman máis de 500 anos, van vestidas de tradicionais e ao principio parece que vai a ser así, pero non! O que queren estas avoíñas é festa. Bum! Bum! Merecen gañar.

7. Islandia. Greta Salóme & Jónsi – Never Forget. Unha disquerredactora estivo flipándoo un rato crendo que o Jónsi de Sigur Ros representaba a Islandia en Eurovisión este ano. A decepción foi maiúscula ao ver e escoitar que era outro Jónsi, pero eses momentos de felicidade e entusiasmo xa non llos quita ninguén.

8. Chipre. Ivi Adamou – La La Love. Bautizada como Miley Cyprus en Twitter durante a semifinal, Ivi Adamou podería ter bastantes posibilidades. Canción dance bailable e pegadiza, cunha das catro regras eurovisivas de Neil Hannon: os lalala sempre teñen éxito porque non ofenden a ninguén e calquera pode cantalos!

9. Francia. Anggun – Echo (You And I). Máis dance con voz feminina. Se miras a Anggun e non ves nela á típica rapaza francesa (esa é Amelie, non?) é porque naceu en Indonesia. E non é unha descoñecida nin para ti: é quen cantaba Snow On The Sahara hai mil anos, un deses clásicos de M-80!

10. Italia. Nina Zilli – L’Amore È Femmina (Out Of Love). Unha das nosas favoritas, cun bum, bum, bum (como as rusas!), un look e un estilo que claramente busca os fans da estética anos 50, soul e rockabilly. As comparacións con Amy Winehouse son inevitables e, neste caso, nada odiosas.

11. Estonia. Ott Lepland – Kuula. Estonia confía este ano nos votos que Ott Lepland recibirá pola súa beleza sensible (está a medio camiño entre Gary Barlow e Dani Martín, seguro que por aí araña bastante). A canción? Balada in-crescendo na que grita kuula unha e outra vez. Podes imaxinar que di “Cuba” e todo cambia.

12. Noruega. Tooji – Stay. A proposta de Noruega busca o éxito a través dunha combinación de chico guapo, ritmos algo balcánicos e moito dance.

13. Acerbaixán. Sabina Babayeva – When The Music Dies. Os gañadores do ano pasado proban sorte nesta edición cunha balada normaliña pero pasable. Algún ano deberían prohibir a presencia de baladas en Eurovisión.

14. Romanía. Mandinga – Zaleilah. Romanía decide este ano agradecer todos os puntos que edición tras edición recibe de España cunha canción con partes cantadas en castelán. Ten ata gaitas, así que podemos sentir que Mandinga nos está a facer un guiño a toda a xente do norte.

15. Dinamarca. Soluna Samay – Should’ve Known Better. Un clásico do pop deses que deixaron de facerse ao abandonar os 90. A proposta de Dinamarca vai dirixida a esa xeración que escoitaba a Texas, Eagle-Eye Cherry e Sixpence None The Richer aos 12 anos. Van a por nós! Era unha boa idea, pero non cremos que lles vaia a servir de moito.

16. Grecia. Eleftheria Elftheriou – Aphrodisiac. O seu nome é como unha declinación e a canción unha desas que todos xuraríamos xa ter escoitado moitas veces. Coreografía, rapaza con pouca roupa, oh oh oh. Quizais teña posibilidades! Como sería Eurovisión organizado por Grecia? Estamos expectantes.

17. Suecia. Loreen – Euphoria. A gran favorita deste ano en todas as quinielas. O ventilador, os seus movementos (atentos ao momento cangrexo, onte Twitter xa dicía que “the crabwalk is the new moonwalk”), e unha poderosa voz fan que todo vaia ao seu favor.

18. Turquía. Can Bonomo – Love Me Back. Turquía chegou ao corazón de varias disquerredactoras gracias aos motivos mariñeiros e a ese cantante tan sorrinte e entrañable. Entón van os bailaríns e fan un barquiño coas súas capas! Quen non querería saír a sucar os mares con Can Bonomo?

19. España. Pastora Soler – Quédate conmigo. Que dicir que non se teña dito a estas alturas? Temos bastante curiosidade por saber como ten pensado Pastora boicotear a súa actuación como todos sabemos que lle ordenou TVE (aínda que despois dixese que non). Desafinará sen control? Contratará a Jimmy Jump para que faga unha aparición? Que nervios!

20. Alemaña. Roman Lob – Standing Still. Mentres todos choramos lembrando a Lena e o seu Satellite, Alemaña chega cun rapaz de bo ver, barbiña, camisa de cadros e ollos vidrosos cantando de amor. Ten posibilidades de quedar bastante alto.

21. Malta. Kurt Calleja – This Is The Night. Como sería o fillo de Kurt Cobain e Jesús Calleja? Fantasía todo o que queiras antes de ver o vídeo, Kurt Calleja non é o que esperabas. A canción é normaliña e pegadiza, rollo Killers tamén. O mellor, a coreografía dos pés.

22. Macedonia. Kaliopi – Crno i Belo. Outra pausa para ir ao baño. Aburrimento máximo que non logra arranxar o inexplicable cambio cara o metal que dá a canción no medio.

23. Irlanda. Jedward – Waterline. Viva! Irlanda volve a traernos aos xemelgos máis adorables do mundo! Que importa que a canción deste ano sexa moito peor que Lipstick? Eles seguen a ser louros, levar traxes espaciais, dar chimpiños e dicir “yeah!”. Queremos telos de mascota na casa correndo polo xardín. Iso si, seguimos esperando a que decidan facer as cousas ben e levar a Neil Hannon con Trafalgar.

24. Serbia. Željko Joksimović – Nije Ljubav Stvar. Violíns, un tipo que parece Kenny G tamén con instrumento de vento e unha balada aburrida, aburrida, aburrida. Menos mal que a estas alturas xa estaremos todos contentos despois de probar licores tradicionais de cada un dos países.

25. Ucraína. Gaitana – Be My Guest. A representante ucraína parece máis chegada de Hawai que do seu país, pero quen somos nós para xulgar? Outra das propostas de muller explosiva e canción destinada a pistas de baile.

26. Moldavia. Pasha Parfeni – Lăutar. A proposta moldava mola! Cantante con bigote e tirantes (OMG! Moldavia enviou a un hipster a Eurovisión!) e canción con ritmos balcánicos que a todos nos encantará bailar.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *