Festival SONa: a vitoria da banda da vila

*Colaboración de Dr. Chou

… e Boiro resultou vencedor. O festival SONa reuniu no Multiusos do Sar de Santiago a varios dos compoñentes estrela da escena alternativa (ou algo semellante) galega. 100% produto do país. Mistura de orixes e de estilos, dende o punk desenfadado de Novedades Carminha ao psicofunk tropicalista -posiblemente esta etiqueta non exista, pero queda inaugurada dende hoxe- de Xoel López. Ao final, entre as bandas das urbes, venceu a vila de Triángulo de Amor Bizarro.

Abriron lume Novedades Carminha. Leron a situación á perfección. Véspera de festivo, público máis que xuvenil. Plena luz do día, e pavillón semideserto. Non importaba. Querían montar o espectáculo, e montárono. Salvo dez colegas, aí ninguén foi a velos a eles, probablemente nin coñecían a existencia do trío, pero non se engurraron nin un chisco. Amor rural, No uso condón, Te vas con cualquiera ou Jódete y baila remataron por erguer espíritos e montar máis dunha batiqueira. Algo vai mal por aquí se estes rapaces non comezan a ser tidos máis en conta para ocupar postos máis honrosos nos carteis.

Máis náufragos e desorientados estiveron The Blows. Os vigueses só conseguiron conectar co público en momentos nos que se achegaron á súa cara máis accesible, como en Luces. Polo demais, unha actitude que se quedou algo fóra de lugar. Demasiada escuridade cando fóra do escenario aínda brillaba ben de luz. Semellaba nun principio que non era sitio nin lugar, e tampouco remontaron esa sensación.

Eladio y los Seres Queridos entoaron os primeiros acordes mentres o público, agora si, ía achegándose ao Multiusos e, de paso, ía ampliando un rango de idades nas que, ata entón, os que xa cumprimos os trinta nos atopabamos desubicados. Non fallaron os vigueses, nunca o fan. Pode que non sexan o grupo favorito de ninguén, pero a solvencia non hai quen lles gañe. Tiraron do que van camiño de ser clásicos como Están ustedes unidos, Sueño de Dios ou un El Himalaya que fusionaron para rematar co Forever Young de Alphaville.

Entón chegou o primeiro cabeza de lista. A xente fora ver a eses irmáns siameses nos que se converteron Xoel López e Iván Ferreiro, aos que vemos máis xuntos que ao Dúo Dinámico. Xoel presentou ‘Atlántico’, o seu último disco, unha sorte de homenaxe a grandes da música latina, como Víctor Manuel, José Luis Perales, Juan Luis Guerra ou Carlinhos Brown. Todo ben subvencionado. Esperpéntico. Así se gozaron Tierra, Buenos Aires ou Caballero. Difícil escoller o peor momento do concerto. Este é o camiño escollido polo coruñés, que, por outra banda, fixo as delicias da meirande parte dos asistentes. Está ben, pero habería que pensar se un festival deste estilo é o lugar. Un de músicas do mundo pegaría máis. Por salvar algo, ese A un metro de distancia man a man con Eladio.

Para a maioría, o último artista da noite foi, de paso, o outro máis agardado. Iván Ferreiro viña coa vitoria de antemán. Só fixo falla a sintonía da Metro Goldwin Mayer para que a xente comezase a hiperventilar, e comezar con Turnedo non fixo máis que darlle graxa aos parafusos. Tiña como vantaxe que ata os que non somos fans sentiriamos calquera cousa como Frank Sinatra, visto o visto previamente. Do mellor, Mi Munchausen, para o que escribe, o seu mellor tema en solitario, que soou perfecta. Polo demais, constatouse que ao público gústalle Iván, pero máis lle gustan Piratas, xa que Años 80 ou Promesas que no valen nada foron inmensamente máis celebradas. O día que decidan volver, pegarán o taquillazo.

Entón cumpríronse os prognósticos, o máis que numeroso público asistente fuxiu correndo, que aínda había tempo para tomarlle unhas copas no botellón da Alameda, e total, a eses que quedaban mellor non velos. Eses eran Triángulo de Amor Bizarro, e deron o que vén sendo unha lección de rock. Perdón. Outra, lección de rock. Por pórlles un pero, demasiados temas novos para un concerto de 35 minutos. Agora ben, a contundencia de Himno de la bala, a fantástica De la monarquía a la criptocracia, ese himno no que deberiamos converter a El fantasma de la transición ou a festa final de Amigos del género humano satisfixo a todos aqueles que confiaron neles, e ficaron alí ata esas horas. O demais era cuestión de recuperar o alento, para tentar seguir respirando, e manter a fe na Ascensión.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *