O (difícil) estado do libro electrónico en Galicia

Se cadra, dicir que dende que teño un Kindle cambiou a miña vida é demasiado radical. Pero si é certo que alixeirou o meu bolso cando vou de viaxe, fixo máis doado meter todo o que quero levar na maleta que a low-cost que toca me deixa subir a cabina e fixo que os venres de esgotamento nos que preciso sinxelamente un best-seller se convertan nunha procura a un par de clics do ebook que me fará feliz e servirá para desconectar o meu cerebro. Non son a única.

Por exemplo, o xigante estadounidense Barnes&Noble (propietario do Nook, un lector no que acaba de inverter Microsoft para loitar no mercado do libro electrónico) xa sabe que, aínda que os seus compradores fanse de forma masiva con libros físicos de martes a xoves, cada fin de semana e cada festivo (sobre todo se hai unha ponte) se lanzarán a polo ebook. O libro electrónico está ademais recuperando xéneros que ata agora sufrían do estigma do ‘non é demasiado bo’, como a novela romántica ou a novela erótica para mulleres, como o fenómeno ‘Fifty Shades of Grey’. Segundo estimacións da consultora IDC, o mercado dos ereaders, o preciso lector electrónico que dá a chave para ler ebooks, dobrou as súas cifras de distribución na rexión de EMEA (Europa, Oriente Próximo e África), alcanzando os 4,8 millóns de dispositivos chegados ao punto de venta. En 2016, IDC estima que haberá 24 millóns de terminais na rexión, cun gran acelerón naqueles países europeos no que Amazon lanzou o Kindle e dinamitou os prezos. Os editores, sinala a consultora, están cambiando como xogan no mercado… porque as regras xa non son as que eran e os novos soportes permiten acceder a unha infinita variedade de novos produtos.

http://www.todoebook.com/lista.aspx?lang=es&usa=100&Ord=1&pag=1&edit=EDIT001102O libro electrónico chega a múltiples dispositivos, ofrece novas posibilidades (aí está o fascinante mundo dos enhanced books, que xa deixou pequenas marabillas como a edición para iPad de ‘On the road’ de Jack Kerouac ou a aposta por un libro electrónico de luxo de Louis Vuitton para a versión electrónica do seu catálogo histórico de baúis) e elimina barreiras no consumo do produto. O ebook non sabe de fronteiras: un clic é a única separación entre libro e consumidor. Opcións como o Kindle Direct Publishing, a autopublicación de Amazon, eliminan os intermediarios entre autor e lector.

A revolución ebook, á que xa se entregaron con decisión dende Círculo de Lectores co seu Booquo ata Carmen Balcells agasallando a Gabriel García Márquez coa versión electrónica de ‘Cien años de soledad’, semella obrigada e sinxela cando hai unha gran industria detrás (aínda que as grandes estruturas son máis complicadas de cambiar) pero… que pasa cun pequeno sistema editorial como o galego?

É complicado establecer un panorama do libro electrónico en galego porque non existen fontes censais da súa penetración. Dende o Informe Ramón Piñeiro de Literatura (que cada ano analiza que se produciu na industria editorial galega e que resposta obtivo nos medios tradicionais) sinalan que eles nin miden nin van medir no futuro próximo a produción literaria electrónica galega. Acudir a Libranda, a distribuidora paraugas da que botaron man as principais editoriais de España para facer circular os ebooks, tampouco soluciona o problema. Dende o seu departamento de comunicación confirman que só dispoñen de 9 libros en galego, os de “Gerónimo Stilton, do Grupo Planeta” e o libro en galego só é 0,09% do catálogo (a literatura vasca adianta con 10 títulos e o 0,10% dos 9.778 títulos totais do catálogo e tamén a catalá con 1.032 ebooks e o 10,55%). “Neste intre non estamos a distribuír o catálogo de ningunha editorial galega porque sinxelamente ningunha se puxo en contacto con nós”, aseguran. “Pola nosa banda, estariamos encantados de poder distribuír títulos nesa lingua”.

Atopámonos ante un panorama completamente negro? Preguntado por como está a recibir o sistema editorial galego o libro electrónico, Manuel Bragado, o presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), explícanos que reciben o ebook “como parte do tránsito que está vivindo a comunicación cultural, un paso do paradigma textual ao hipertextual, do analóxico ao dixital, do impreso ao electrónico”. Bragado asume que o catálogo de produtos en galego ao que pode facer fronte o lector en galego é “aínda reducido” pero dá unha raiola de esperanza. “Non teño dúbidas que se incrementará”, sinala. Aínda así, a reconversión non é sinxela. “Supón un reto moi complexo para nós, xa que debemos facer fronte a unha mudanza profunda da nosa actividade de creación editorial e a unha reconversión do noso sistema de distribución”, recoñece. O panorama editorial galego está intentando dar unha resposta a todos os paus existentes, asegura, “dende a máis convencional do ebook á do libro educativo interactivo ou dos servizos de contidos en liña”.

Catálogo e o baleiro Kindle

Sen embargo, unha breve consulta ao que se pode adquirir no mercado ebook en libro galego non difire moito do que se podía conseguir legalmente o ano pasado por estas mesmas datas. Xerais engadiu dous novos títulos dixitalizados. Editorial Galaxia ten un catálogo máis completo. Pero aínda así ningunha das dúas grandes editoras galegas está dispoñible para Kindle, o lector de Amazon e un dos dispositivos disruptores no mercado do libro electrónico (Amazon abriu a versión .es en setembro, para a campaña do Nadal sacou un dos modelos do lector e en decembro era xa o produto máis vendido da historia do xigante en España con diferencia). Só Rinoceronte abriu as ventas galegas en Amazon (onde xa tamén se poden conseguir algúns libros autoeditados e os textos electrónicos de Gerónimo Stilton).

“O resultado é moi modesto, como xa esperabamos”, sinala Moisés Barcia, de Rinoceronte, sobre as ventas que se están producindo en ebooks en formato Kindle, explicando que se xa as ventas en galego son pequenas, nun formato novo e por implantar aínda serán menos. “Porén, cremos que é un esforzo que se debe realizar, xa que nun futuro máis ou menos próximo o natural será que tódolos libros que se editen estean dispoñibles nos dous formatos”. “A nosa vontade é estar en tódalas plataformas que haxa”, defende Barcia, aínda que recoñece que “hai que plataformas nas que che dan tódalas facilidades (como en amazon.es) e outras nas que practicamente ignoran a unha pequena empresa como a nosa (como no iBooks de Apple)”.

Aínda que “distribuír libros electrónicos en Amazon é tecnoloxicamente moi doado”, como concede Manuel Bragado a pesar de que, resalta en liñas xerais sobre o que ofrece globalmente Amazon para Kindle, “os produtos moitas veces sexan decepcionantes para os lectores, xa que a edición non é tan coidada polos editores coma o fan no papel”, a cuestión non radica, para os editores, aí. “O problema real é establecer unha cadea de valor que sexa viable para o editor. Aí está a cerna”. Bragado lamenta que os editores da Vella Europa non evitaran deixar o negocio en mans de tres empresas – xigantes -dos Estados Unidos, como son Google, Amazon e Apple. “Elas tres son as que están regulando agora este mercado, tanto a nivel de condicións de distribución como de prezos”, apunta. “Non vai ser doado para o libro galego estar presente en todas estas plataformas de distribución”, apunta.

Outra alternativa

Entón que se debería facer na industria do libro galego para loitar no tocante ao libro electrónico? Hai que agardar a que exista unha masa de lectores considerable para ofrecerlles un produto? A industria do cine así o fixo co vídeo ‘on-demand’ e agora lamenta a piratería. O lector electrónico sinte lixeira frustración cando non atopa o que busca e acaba envexando o nutrido porfolio que o lector catalán si ten á súa disposición.

Preguntámoslle a Moisés Barcia, de Rinoceronte, se dende o lado dos editores tamén hai unha sensación – como acontece cos lectores – de que a literatura galega se está a quedar atrás. “É evidente que a maioría dos editores galegos non andan moi espelidos, a xulgar pola baixa presenza dos seus títulos neste formato”, responde, aínda que tamén defende aos seus colegas e apunta que “cómpre dicir na súa defensa que non hai unha masa de público lector suficiente para amortizar o investimento da conversión a ebook”. “Nós facémolo pola nosa idea de país e para sentirnos en igualdade con outros ámbitos lingüísticos, non porque nos estea a xerar ganancias”, afirma.

Hai uns meses dende a industria editorial galega falouse de Elibrogalego, unha aposta por un sistema de distribución propio que, dicíase, ía ter un DRM propio. Esta última característica era bastante sorprendente, tendo en conta que un dos grandes problemas de usabilidade do libro electrónico era e é xustamente o sistema de protección anticopia (tan contraproducente pode chegar a ser que hai grupos editoriais que xa se lanzaron sen DRM, como B de Books). É realmente preciso? A autora de Harry Potter está a vender a versión ebook da saga nun site propio, conseguindo facturacións record… e sen sistema anticopia. Volvendo á plataforma galega, a súa data prevista de lanzamento era o pasado novembro de 2011. Non saíu ao mercado. Manuel Bragado confírmanos que Elibrogalego está viva e ten futuro. “Elibrogalego estará en funcionamento decontado”, apunta.

O selo permitirá, explica, que “cada un dos editores participantes escollerá o seu modelo de distribución dixital”. Polo tanto, a protección anticopia será cousa de cada quen. “Haberá a posibilidade de facelo entre un DRM social e un sistema de lectura na nube”, sinala. “O sistema de DRM propio é só para aqueles editores que ofrezan contido interactivo, como aplicacións. Haberá tempo para avaliar a súa viabilidade”.

E dende o sector público?

Dende a Xunta explícannos que “a potenciación dos formatos electrónicos é un dos retos das empresas editoriais e unha das liñas nas que está a traballar a Xunta de Galicia de acordo coas entidades do sector“. Entre as prioridades de mellora nas que se traballa para o ano 2012, atópase a mellora do fondo bibliográfico “entre eles o libro electrónico para o préstamo e consulta nas bibliotecas nodais”. O servizo xa está operativo nalgún centro, como a Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela. “A Biblioteca Ánxel Casal comezou en 2011 o servizo do préstamo de libros electrónicos e de aparatos lectores, proxecto piloto pioneiro que se puxo en marcha en 15 bibliotecas españolas”, apuntan. “Os usuarios e usuarias do centro compostelán estrearon a plataforma dixital Galiciaebooks para descargar os 600 títulos de ebooks”.

Publicouse a derradeira modificación  deste artigo ás 15.30 do 17/05/2012 cos datos aportados pola Xunta de Galicia

Fotos |  andiykandinski

Shares

6 comentarios

  • ghanito di:

    Acho que as editoriais galegas están deixando pasar tempo de mais.
    Atopar libros en galego fora do que xa comentades é imposible. Eu mercara un kindle (xa antes de que amazon entrara en España arrasando o prezo) e daquela era complicado atopar libros legais sen drm para poder convertilo e ler no kindle (que non lé o estandar epub senon un formato propio o .azw ou en .mobi). Falo en español, en galego era totalmente imposible agás un par de títulos libres.
    En español si hai un lote de libros “piratas” moitos escaneados por particulares, convertidos con programas de OCR e mesmo con revisións por comunidades de usuarios. En galego non atopei ningún.
    No mercado de lectores galegos a militancia é tan importante que penso que ainda que houbera alternativa “pirata” a ampla maioría de usuarios aceptaría un prezo razoable.
    Polo que teño comentado con algún editor o problema do prezo razoable é que para os pequenos o aforro marxinal que supón evitar o papel é moito mais pequeno do que nós pensamos polo reducido das súas edicións e o custe fixo de criar o libro. Non o vou dubidar.
    Respecto do DRM, comentando con varios editores, e supoño que pola militancia que sempre houbo a eles dalles igual sair sen DRM, mais Amazón por exemplo, non o permite.
    Haberá que ver que trae o futuro.

    • Raquel di:

      O bo de Amazon é que – aínda que ten DRM por imperativo – eliminou as molestias que supuña para o usuario. O libro aparece no teu dispositivo case de xeito máxico e non tes que convertelo co programa de Adobe (eu probei a mercar un ebook para un ereader non Amazon e flipei! O ordenador colgouseme varias veces, o programa era lento como un dolor e xa non sabía se eu era a mala ou o programa era unha peste)

      O problema do prezo é outro cantar e daría para outro artigo. Eu teño a esperanza de que cando baixe o IVE do 18 ao 4% no ebook os prezos baixen.

      E grazas polo completo comentario!

  • Exiquio di:

    Graciñas Raquel por escribires sobre o libro electrónico tratando o tema con amplitude, un formato esquecido na nosa lingua, tan afastada esta das que teñen un número similar ou incluso menor de falantes. Dicir que están a quedar atrás é sermos benévolos de máis cos nosos editores, asociados en 2010 no Clúster Libro co obxectivo, cita textual, de «responder á ameaza do libro electrónico», iso sintetiza bastante ben a súa postura, que non mudou neste tempo. http://www.codigocero.com/Nace-un-novo-cluster-para

    Hai moi poucos títulos dispoñibles e ese feixe de uns e ceros véndese practicamente ao mesmo prezo que o libro en papel. O usuario de libros electrónicos en galego xa se pode achegar a outra lingua, porque na nosa non hai nin títulos, nin sequera dicionarios. O único que se pode facer é informar como ben fas e tentar facer un pouco de forza a ver se espertan algún ano destes.

    Espero que non se tome como spam, a serie literaria é de balde e está baixo unha licenza Creative Commons, nós publicamos os capítulos en varios formatos, pódense descargar para o nomeado Kindle en MOBI, tamén en EPUB e PDF http://denantes.wordpress.com/formatos/ ou ler dende o mesmo web.

  • eumateix di:

    As editoras galegas sempre forom um impedimento para o correto desenvolvimento da nossa língua e da nossa literatura. Prova disso é que dos grandes dicionários, além do Estraviz, só o Digalego está em versom eletrónica. Nom há hoje instrumento mais inútil que um dicionário em papel. Por outro lado, mentres que nas grandes línguas os clássicos se encontram facilmente em ediçons baratinhas (tipo Penguin), aqui aproveitam-se de que som de leitura obrigatória nas escolas para os venderem a 20€… e os direitos de quase todos eles tem-nos Galaxia.

    O ebook nom só é um passo necessário para nom ficar atrás: também é umha oportunidade importantíssima para recuperar todos esses grandes livros da nossa literatura que nom se reeditam polo risco que implica o gasto material. Eu bem sei que a mão de obra também há que pagá-la, mas que nom venha agora o senhor Barcia a me dizer que é lógico que custe o mesmo a ediçom Kindle de Beowulf que a ediçom em papel, como custa na atualidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *