Palosanto: pon un moble vintage na túa vida

Mobles Palosanto

Non hai máis que ollar calquera web de decoración para detectar o que se leva agora (e por agora refírome, polo menos, aos últimos dez anos): o estilo vintage. Primeiro as modas inclináronse por unha decoración rústico-vintage propias das casas de campo americanas,  e ultimamente triunfa o estilo nórdico retro con mobles funcionalistas dos 70. Cando o futuro non proporciona máis que decepcións, volvemos con nostalxia ás grandes obras do deseño do século XX.

Non vou proporche que merques unhas cadeiras dos Eames ou aquela fantástica mesa de Jean Prouvé (aínda que non estaría nada mal), pero si que lle deas un toque persoal a túa casa Ikea con mobles vintage aptos para os nosos petos. Nin sequera tes que recorrer mercadillos, porque alguén encargouse de facelo por ti, e con moi bo criterio. Falo de Palosanto, unha nova tenda de decoración online que vén de nacer hai dúas semanas.

Palosanto VigoOs seus artífices son Sabrina Santana, Luis Rial e Quique Esmerode, quen decidiron facer da súa paixón un negocio, como explica este último “Nós sempre fomos moi fans de atopar mobles e curiosidades nos rastros,  e os acumulabamos ata o punto de pór en risco a paz familiar. Decatámonos de que en España había un baleiro en tendas vintage, algo que está moito máis considerado noutros países”. De todas maneiras recoñece que aínda que os mobles vintage son unha tendencia ao alza, non estaban buscando un negocio que funcionase “gustábanos e tras moito pensar decidimos probar a ver que pasaba“.

En Palosanto podemos atopar diferentes mobles, lámpadas e accesorios que Sabrina, Luis e Quique recompilan por mercados de segunda man e rastros, a maioría en Galicia e norte de Portugal. En canto ao criterio de selección dos mobles, baséase no seu gusto persoal: “non estamos interesados en ningunha época en concreto, aínda que tiramos moito polo tema dos metais, con moita decoración estilo posguerra americana e deseño escandinavo retro”.

Para comprobar o seu bo ollo non hai máis que visitar a páxina web, onde a súa coidada presentación fai máis apetecibles Palosantocada un dos mobles. Atopamos fantásticos aparadores e mesas de centro, diferentes modelos de cadeiras de madeira e ata un sofá chester… segundo Quique, a dúas semanas de comezar co proxecto xa pode ver que é o que máis lle tira á xente “eu esperaba que triunfasen cousas pequenas como os pratos de animais, que me encantan, pero polo que máis están a preguntar é polas mesitas de centro”.

Ademais destes obxectos vintage, Palosanto comezou a facer deseños propios, sempre dentro dese estilo de inspiración retro. Ata o momento teñen á venda un aparador e un moble bar. “Trátase dun mini-proxecto, ás veces víamos mobles que non podíamos comprar pero que nos servían de inspiración para crear deseños propios que si podíamos encargar”.

Polo momento só contan con tenda online, pero aspiran a ter pronto unha tenda física en Vigo. Esperamos impacientes!

Fotos| Luis Rial

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *