Destacados, Música — 24/04/2012 16:30

Lisabö, descomunal intensidade

Escrito por

Lisabö na sala Karma de Pontevedra na festa de Desconcierto

*Colaboración de Dr. Chou

Dá igual como sexa, pero chegará. Será como vaticinaron os maias, Nostradamus, ou calquera outro. Un día rematará o mundo, desintegrarase o Sol, abriranse gretas no solo, e todo ficará destruído. Nese momento, se alguén o está filmando, estará soando Lisabö.

Os de Irún chegaron a Pontevedra nunha primeira visita a Galicia que xa se fixera agardar en exceso. Agradezámosllo a Desconcierto Cultural, que no seu aniversario organizou tal evento, convidando, ademais, á banda local MLK a oficiar de teloneiros. Contaron co favor do público, e fixeron merecemento del, cun repertorio centrado no rock dos ’70. Solventes, non se fixeron longos. Por pórlle algunha pega, poderiamos dicir que coas voces estiveron moito máis acertados cantando que neses monólogos entre temas. Dignos de seguimento, en todo caso.

E chegou, pois, Lisabö. Tivo que ser ese sublime ‘Animalia Lotsatuen Putzua’ o que os levase de xira lonxe do seu Euskadi natal, fóra do que tan pouco se deixan caer. A premisa era clara: trauma acústico. O sexteto someteu durante preto de hora e media aos asistentes a un derroche de decibelios, graves e berros. Todo iso ben misturado con tripas, moitas tripas. Tras uns movementos vasculares entre o silencio, como buscando ese ambiente que permita facer estoupar a bomba, Oroimenik gabeko filma deixou claro que se alguén temía que a intensidade do disco correse perigo no directo, podía ficar tranquilo.

Lisabö na sala Karma de Pontevedra na festa de Desconcierto

Todo convidaba a pensar que non era noite para a calma, e que cada un dos factores precisos para congregar a un aforo directo ao caos estaba alí. A sala axudaba (un pensa nun concerto similar nun teatro e bota as mans á cabeza), e a afluencia coqueteou con encher o aforo. Momentos especialmente brillantes xurdiron en Ez zaitut somatu iristen, cunhas percusións en todo momento excesivas, e cunha procesión de cabezas axitadas cara a Karlos Osinaga, xefe da seita.

Poremos algo de contido no “debe”: algún momento para respirar. Lisabö xogou continuamente co aparatoso, co descomunal, e, ás veces, sobre todo contra a media hora de recital, respirouse un baixón de adrenalina, probablemente motivado pola rutina, pola falta dalgún troco de rexistro. Para ser sinceros, pouco durou ese momento de dúbida. De seguido a banda conseguiu darlle unha nova volta de rosca a algo que semellaba imposible de apertar máis, e non houbo lugar ás dúbidas: Lisabö venceron e convenceron. Captaron e perturbaron. Que non tarden tanto en volver repetilo.

Fotos | Tamara de la Fuente

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...


Comparte en Chuza Difundir a nova en Cabozo

Deixa un comentario

— obrigatorio *

— obrigatorio *