Videos para a fin de semana: Anuncios coma filmes

Os anuncios deben contar unha historia. Iso aprendemos en Mad Men, nun capítulo sobre o revolucionario que resultaba Don Draper ideando un micro-filme rematado por un logo. Xa pasaron moitos anos desde os 70 e agora iso é sabido (e traballado) por practicamente todas as axencias de publicidade.

E se o anuncio debe contar unha historia, quen mellor para dirixilo que un contador de historias profesional? Son innumerables as colaboracións de directores de cine co mundo da publicidade, algúns o fan de maneira esporádica e outros coma labor habitual, pero o que importa para que triunfe (ou para ser seleccionado aquí) é que leve o estilo característico dese autor, que a súa man se vexa no spot para darlle valor. Para convertelo, case case, nunha obra de arte.

Aquí temos 5 dos mellores anuncios realizados por directores de cine. Colle flocos de millo e goza desta tarde de venres mentres tratan de manipularte.  Neste caso, polo menos, estano a facer ben.

1. Drugstore – Michael Gondry para Levis

Michel Gondry realizou moítisimos anuncios, pero ningún acadou a fama deste mítico anuncio para Levis, que lle valeu, ademais un león de oro no Festival de Cannes.

2. Pardon our dust – Spike Jonze para GAP

Spike Jonze é outro habitual do mundo publicitario, e este anuncio para GAP é unha boa mostra do seu estilo, sorprendente e anárquico. GAP, sen embargo, non quedou moi contento co resultado.

3. Lucky Star – Michael Mann para Mercedes

O máis divertido deste anuncio é que é un tráiler dunha película moi plausible, e de feito, exhibiuse nos cines antes de comezar o filme principal. Polo demais, a historia resúltame un tanto confusa, pero a estética impecable.

4. “My life, my card” – Wes Anderson para America Express

American Express pediulle a diversos “famosos” que expresasen o seu amor pola tarxeta (idea a priori nada cool), pero o anuncio de Wes Anderson é tan metacinematográfico, e está tan cheo do seu particular sentido do humor, que seduce totalmente.


5. 1984 – Ridley Scott para Apple

Non podía faltar aquí o que para moitos é o mellor anuncio da historia, e iso que só se mostrou unha vez, durante a Super Bowl. Ambiente futurista e orwellián para explicarnos que Gran irmán é Bill Gates e Mac toda unha revolución.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *