Os indies tamén teñen mascotas: 7 videoclips con animais

Calquera amante dos animais sabe da súa utilidade en momentos emocionais baixos: necesitas unha aperta e non hai ninguén ao teu redor que cha poida (ou queira!) dar? Sempre podes contar co teu can para chegar meneando o rabo e claramente feliz por verte, ou co ronroneo do teu gato durmindo no colo. Sabendo estas cousas non é nada sorprendente que certos animais sexan adorados desde o mundo indie e levados a protagonizar videoclips. Aquí vai a nosa selección!

7. Tokyo Police Club – Wait Up (Boots of Danger). O mellor amigo do home non podía faltar nesta selección. O vídeo de Tokyo Police Club deixa bastante claro por que os cans adoran escapar da casa. Que fan nas súas escapadas? Recoller a uns cantos amigos e facer unha festa na piscina!

6. Best Coast – Crazy For You. Bethany Cosentino sabe que os gatos son unha especie superior, polo que confía neles para que dirixan o seu videoclip. A cousa acaba con parte do equipo felino colocado (ai, o cat nip), pero non parece notarse nos resultados.

5. LCD Soundsystem – New York, I Love You But You’re Bringing Me Down. Porque non todo son gatos nesta vida (case, pero non), LCD Soundsystem lograron convencer a unha das indiscutibles estrelas da historia da televisión para protagonizar o seu videoclip: a ra Gustavo! Un vídeo nostálxico como a canción, que fai que teñamos ganas de recoller a Gustavo (Kermit, en inglés) das rúas de Nova York e traelo á nosa casa.

4. Bjork – Triumph of a Heart. Como imaxinas estar casada/o cun gato? Björk non vive a situación de forma moi feliz e foxe da casa. Despois de moita festa, moito alcohol e moitas caídas e cantar botando corazóns pola boca, é recollida polo seu marido/gato en coche e fan as paces cun bico que fai crecer ao gato ata tamaño humano. O baile final non ten desperdicio e si, notas a pegada de Spike Jonze por algo.

3. Holy Fuck – Red Lights. Os gatos non só triunfan en Internet, non, tamén nos videoclips. Neste de Holy Fuck a banda está formada por felinos, imaxes que se simultanean coas dunha persecución en coche: un conducido por un gato que foxe doutro que conduce un can.

2. Fatboy Slim – The Joker. Conforme avanzamos postos, a adorabilidade dos vídeos alcanza niveis extremos: o vídeo de Fatboy Slim para The Joker mostra a un gatiño e aos seus amigos indo a ver un concerto de Fatboy Slim. A inocencia que nos transmiten os gatos pequenos contrasta cos lugares sórdidos que visitan. Ai, o poder pervertedor das cidades… Fans do gato dj.

1. Weezer – Island in the Sun. Por suposto, o número un tiña que ser para un dos vídeos máis encantadores da historia (e para un dos que máis “ohhh” e envexas provocan). A canción que levou a Weezer a soar en todas as radiofórmulas comerciais tivo dous vídeos: un primeiro no que estaban a tocar nunha voda e este, dirixido, claro, por Spike Jonze, no que vemos á banda xogar con cachorros de varios animais: cans, leóns, monos… Verás como non es quen de ver o vídeo enteiro sen sorrir.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *