Bendito deus das apps!: Instagram xa está en Android

Foi unha espera longa, moi longa, como estar prometida cun estudante a notarías de hai 50 anos. Pero por fin chegou o día. Instagram, a aplicación favorita de todos os hipsters do mundo, está xa dispoñible para Android (2.2 e superiores, tampouco pensedes que algo tan retro ía chegar para a prehistoria do sistema operativo de Google). A lista de espera de usuarios de Android que estaban a agardar pola app como quen espera por auga no medio da seca chegaba aos 430.000 usuarios (o que se di ben rápido…): dende onte a media tarde xa se poden unir “a todos os seus amigos de iOS para compartir as súas fotos co mundo”.

Metamodernismo: Disquecool feito imaxe en Instagram

Instagram foi trending topic en Twitter (ese medidor de popularidade do mundo moderno), encheu os timelines e os feeds con imaxes retro (todas esas moreas de xente que usaban Android e que tiveran que reprimirse cando os seus amigos pijos cun iPhone sacaban imaxes a cachón) e posiblemente rachou cos records de descarga da aplicación.

Pero… por que tanta intensidade na recepción a unha aplicación? Instagram non é unha aplicación calquera. É A app. A aplicación que trouxo de volta o mundo retro e as imaxes medio borrosas. A app que usan todos os modernos do mundo. A aplicación que ama a industria da moda (as semanas da moda de Nova York son seguidas con paixón foto-retro-no-smartphone polos seus asistentes e Oscar de la Renta, Burberry, Kate Spade ou Marc Jacobs xa empregan con paixón a aplicación). Instagram conseguiu crear unha comunidade, os instagramers, que fan quedadas para ir de safari fotográfico pola cidade.

Usar Instagram é doado e os resultados finais, por moi negado que sexas para o mundo da fotografía, son bastante riquiños. As fotos teñen unha pátina digna das fotos de cando a túa nai era nova que gardan no álbum de fotos da avoa, o que lle da á experiencia ese aspecto próximo, ese toque entrañable e ese aire familiar que a todos nos fai felices.

Instagram non custa nada (é unha desas empresas que vive do fascinante mundo do capital risco) e dáche a entrada a todo ese mundo cool e moderno de xente que comparte (o seguinte que farás será instalar unha app para compartir imaxes de comida) que ata agora che estaba vetado. Se es doutro sistema operativo, deberías saber que Instagram aínda non ten nada que vos dicir (si es de Symbian, colle unha cadeira non vaiades cansar na espera).

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *