Restaurantes vexetarianos en Vigo: algo máis que ensalada

GálgalaHai algúns que aínda cren que un restaurante vexetariano ofrece pouco máis que un tomate rodeado por follas de leituga.  Quen non escoitou algunha vez: “Non me leves a un vexetariano que teño fame!” ou “Eu non son vexetariano, non quero comidas raras”?

Evidentemente, eses non foron nunca a ningún dos restaurantes vexetarianos do centro de Vigo –nin doutras cidades, onde é posible comer ata fartar, pratos elaborados pero tamén tradicionais, dignos incluso para os padais máis prexuizosos. Trátase de comida creativa, porque probablemente eses prexuízos dos que falamos, fan que  un se esforce máis por deseñar pratos ricos e contundentes. Aquí deixo un resumo de tres dos nosos favoritos (e non só entre restaurantes deste tipo): Gálgala, Cúrcuma e Albahaca, os tres de cociña ovo-lacteo-vexetariana.

O restaurante Gálgala (Placer, nº 4) é o máis antigo de Vigo, aberto hai preto de 20 anos. Trátase dun local pequeniño (non hai máis de 10 mesas) pero moi acolledor, con cadeiras de cores e bonitas vaixelas. O servizo é encantador, sempre sorrinte e doce, e a comida está boísima -aínda que non é tremendamente abundante-. A carta varía cada día, ofrecendo pratos caseiros e imaxinativos que mesturan diferentes tradicións, entre os que podemos salientar as cremas e o cuscús. Tamén conta cunha tenda de produtos biolóxicos, concursos de micro-relatos e de cando en vez actividades como a cea con contos que organizan o 11 de abril.  Sen dúbida, un lugar moi cheo de encanto.

O restaurante Cúrcuma (Brasil, nº4) é o que conta cunha carta máis ampla, con bastante variedade, e tamén é o máis famoso dos tres. Non é moi grande, pero adoita encherse mesmo entre semana. A comida non resulta nada frugal, con numerosos pratos con gratinados ou bechamel que fan improbable o de quedar con fame. ¿O mellor? A lasaña e a musaka.

O restaurante Albahaca (Ecuador, nº 89) é dun familiar do restaurante anterior e, de feito, o estilo parécese bastante. É quizais o restaurante máis tradicional, pero para mín é tamén o mellor. A carta é bastante reducida (aínda sumando as recomendacións do día), pero todo está delicioso. As  hamburguesas vexetais -e a salsa da ensalada que as acompaña- son as máis ricas que probei nunca.

Os veganos tamén contan cun espazo onde comer en Vigo, aínda que tecnicamente, non se lle pode chamar restaurante. É A cova dos ratos (Romil nº3), sede da asociación cultural Caleidoskopio. A comida está rica, aínda que é en xeral é máis tipo bocatas, con ingredientes típicos veganos como o humus ou o seitán. O local, oscuro e cheo de cousas tamén ten bastante encanto e a xente que te atende non é profesional, pero hai un ambiente bo. Sempre e cando che gusten os hippies e acabes o teu prato, claro, que se non igual te reprenden!

Foto | Gálgala

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *