Washi tape: a evolución da cinta de pintor

Veñen de Xapón e son o novo material cobizado polos amantes do crafty, e en especial da papelería e de prácticas como o o scrapbooking. Chámanse washi tape, cintas adhesivas de papel de arroz que se presentan en multitude de cores e estampados, e son aplicadas en infinidade de soportes. Unha especie de evolución da cinta de pintar, que de seguro nunca imaxinou que acabaría causando tanto furor.

MT – Masking Tape, a primeira empresa que comezou a fabricala en 2006, dedicábase -e aínda o fai-, á produción de cintas de papel para usos industriais en empresas da construción e a automoción, así como para bricolaxe. Algúns clientes descubriron as posibilidades que este material ofrece -é moi fácil de usar e pode cortarse coas mans-, e comezaron a demandar as cintas en máis cores e formatos para o seu uso en manualidades. Como era de esperar, MT decatouse da gran potencialidade que este novo grupo de consumidores representaba, e hoxe ofrece un amplo abano de cores, texturas, estampados e tamaños, así como packs temáticos.

As cintas son reutilizables e o único límite é a imaxinación do seu usuario. É recurso habitual na decoración de paquetes, cadernos e axendas, pero tamén as atopamos en lugares máis insólitos como en pinzas de colgar a roupa, botes de cristal, cuncas ou obras de arte. Son así mesmo tendencia en decoración de interiores, servindo de fixación para posters e ilustracións ou trazando liñas nas paredes (en cores pastel e fluor sobre fondos brancos mellor que mellor).

Hai moitas tendas online onde poderás adquirir estas cintas-tanto de MT como de outras marcas-, como All Whasi Tape, Cute Tape, e por suposto Etsy.

Fotos | Martine à la Maison, Saaleha Bamjee, e Gamene

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *