Arte&Deseño, Destacados — 26/03/2012 9:23

“No arte, o importante non é abrirse camiño, senón non deixar de camiñar”

Escrito por

*Colaboración de Laura Vieiro

O fotógrafo Jesús Madriñán non responde ao estereotipo de artista bohemio e un pouco atormentado que todos coñecemos. É cercano, sempre cun sorriso na cara e fala do seu traballo case coma se fose un oficio, con humildade e lembrando en cada momento que aínda lle queda moito por aprender. Non lle gusta a palabra éxito; prefire ser comedido e falar de “ir dando pequenos pasos”, pero ten claro que, para acadalo, hai que traballar con esforzo, determinación e moita ilusión. “A cuestión non é só abrirse camiño, senón non deixar de camiñar”, sinala.

Con só 28 anos, este compostelán ten recibido numerosos recoñecementos a nivel nacional e internacional no campo da fotografía artística. O Premio Plat(t)form do Photomuseum Winterthur de Suiza, os International Photography Awards de Nova York, o Premio Laszlo Foundation da Royal Society of Portrait Painters (Reino Unido) e exposicións dentro e fóra das nosas fronteiras son só algúns dos fitos que adornan o seu currículo.

Pero Madriñán sempre tira para a súa terra e o pasado xoves inaugurou unha nova exposición no espazo de arte O Gato Cósmico, en Santiago, que se poderá ver ata o mes de xuño. Alí, exhibirá a súa serie fotográfica “La Finca”, na que elementos da vida cotiá que a moitos lles parecerán intranscendentes (unha planta, as cascas dunha peza de froita), son quen de expresar unha chea de reflexións e de emocións, de evocar a nostalxia dos momentos de felicidade vividos. Para a ocasión, editouse unha serie especial de packs de postais coas imaxes da exposición, de forma que o visitante que se achegue ata alí poida non só admirala in situ, senón tamén “levala posta”. A arte nunca foi tan alcanzable.

Malia que desde moi novo destacou pola súa creatividade, a este licenciado en Belas Artes a paixón pola fotografía non lle vén de moi atrás. É mais, recoñece que foi algo que lle xurdiu case por descarte. “Non era un campo que me atraese especialmente, pero sempre fun un pintor nefasto: nin teño paciencia nin son un virtuoso dos pinceis. A fotografía supliu esas carencias, facendo da lente o meu pincel e do mundo un lenzo no que plasmar todo aquilo que sempre quixen e nunca puiden”. ¿Un soño por cumplir? Poder vivir do seu traballo, o que non é pouca cousa nos tempos que corren.

Como moitos compañeiros de gremio, non se sente cómodo coas autodescricións. “Cando algo forma parte de nós, non somos quen de velo como poden facelo outros desde fóra. O meu traballo é unha proxección de como vexo eu o mundo, a miña mirada persoal”.

Entre inauguracións de exposicións e entregas de premios, Madriñán traballa nun novo proxecto, unha especie de “Good night London” á galega. “Trala boa acollida desa serie, na que retrataba a adolescentes en diferentes discotecas da capital británica, pensei que sería moito máis interesante xirar a cámara cara min e facer o propio en Galicia”, explica.

Sinala que ten “demasiados referentes”, demasiada xente á que lle gustaría parecerse. Encántanlle Alec Soth, Gareth McConnel, Clare Strand, Rineke Dijkstra, Pierre Gonnord, Anna Linderstam… Citalos todos sería imposible, pero ten claro que a imitación non é o camiño. Porque “cada un ten que facer o que lle sae de dentro”, porque, por enriba de influencias varias, o que sempre atoparemos, en todas e cada unha das súas fotografías, será a el mesmo. Agardamos con impaciencia o próximo reencontro.

Fotos| Jesús Madriñán |Disquecool 

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...


Comparte en Chuza Difundir a nova en Cabozo

2 comentarios

Deixa un comentario

— obrigatorio *

— obrigatorio *