Guía das cousas ridículas que non debes botar enriba

modaXa vos falamos nalgunha ocasión dalgún produto de BIS Publishers, unha editora holandesa que publica cousas xeniais e sorprendentes relacionadas co mundo das tendencias. Son os que lanzaron o memorión da moda e os responsables de lanzar ao mundo ‘Never Leave the House Naked’, unha recompilación de 51 normas absurdas que rixen o mundo da moda (como a que dá título e que impide saír da casa como a túa nai che trouxo ao mundo).

O libro non é moi caro e pódese atopar de forma non moi complicada botando man do ecommerce. Promete demostrar que ultimamente todas as regras relacionadas co mundo da moda son “ridículas”. O contido é moi visual, moi fácil de ler (máis que ler, pasaredes as páxinas mirando, rindo e compartindo con quen teñades máis preto) e moi irónico e divertido. “A policía da moda é unha forza a ser tida en conta”, comezan. “Armada cunha lista aparentemente sen fin de normas, dita os do e os don’t e actúa tanto como xuíz como xurado”, alertan.

As normas que recolle o libro remóntanse nalgúns casos ás ideas que todos interiorizamos nalgún momento da nosa infancia sen darnos moita conta, como por exemplo a primeira “non mestures roupas de temporadas variadas”,  que xa foi claramente superada; a eses consellos de expertos e estrelas que acabaron calando no imaxinario colectivo do que hai que facer na moda e a todas esas leccións de moda que aprendemos en épocas pasadas e moi distintas e que quedaron xa para sempre connosco, como que a saia non sexa nunca máis longa que o abrigo (que vén, atención, dos anos 50, cando a etiqueta e o longo das saias e abrigos nada tiñan que ver cos de hoxe). Outras ideas foron xa superadas polas IT girls, como o de non poñer calcetíns coas sandalias, ou a de que hai que conxuntar bolso-zapatos ou que o que sexa vai ser o novo negro (a quen lle importa o negro!).

Foto | libraryowl 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *