Lousa e xiz para unha nova arte efémera

Dana TanamachiLembras os tempos do colexio e a inexplicable atracción que tiña sobre todos nós o encerado da clase? Víamos aos profesores escribir ou debuxar sobre el, facendo ese inconfundible ruidiño, ás veces rompendo o xiz (se estaban enfadados) e case sempre rematando a clase bastante manchados de po. O desexo dos alumnos (ou meu, polo menos) era achegarse ata a lousa, coller o xiz e empezar a debuxar.

A idea continúa a ser atractiva e fascinante agora que xa somos xente adulta e seria, e de feito cada vez está máis de moda pintar paredes da casa ou mobles con pintura-lousa e ter así sempre a man un espazo creativo no que xogar un rato. Iso si, as nosas pequenas creacións no marco doméstico non sempre se poden cualificar de arte. Arte é o que fai outra xente coma, por exemplo, Dana Tanamachi.

Quen é Dana Tanamachi? É unha deseñadora gráfica e experta en letras e tipografías afincada en Brooklyn que fai boa parte do seu traballo, precisamente, en xiz. O seu currículo deixa ademais claro que non se trata dunha simple artistilla: entre a xente para a que ten deseñado carteis están Google, Adidas, e moitos espectáculos en Broadway.

Pero unha das razóns polas que Dana chegou á fama son os seus coidados time-lapses, unha especie de “así se fixo” de cada unha das súas creacións en xiz: programa a cámara para que faga fotos cada x tempo e despois as xunta todas nun vídeo. E se o resultado final dos carteis é xa bastante impresionante, ver como foi a evolución para chegar ata aí é aínda mellor.

A caixiña de xiz quedará moi ben ao lado da túa colección de casetes e da Lomo. Non o penses. É o máis cool que se pode facer agora mesmo.

‘Oh Magazine’, febreiro 2012

Ace Hotel, Nova York. Cuarto 1021.

Mad Men Holiday Soirée

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *