Escenas, Slide — 08/03/2012 9:06

Entre pipas: canto á rutina

Escrito por

Entre Pipas

‘Entre Pipas’ é un canto á rutina, pero á boa. Non á de levantarse olleiroso e ir traballar, senón á que nos fai felices, á rutina de despois, dos amigos, das pipas, e dun banco no que sentarse a arranxar o mundo.

Trátase dunha nova serie web na que se fala sobre todo da amizade entre os dous protagonistas, interpretados por Luis Zahera (actor de ‘Celda 211′ e series como ‘Hospital central’ ou ‘O comisario’) e Xúlio Abonjo (ao que vimos en ‘Cuestión de sexo’), actores bastante coñecidos que permiten dar repercusión a unha serie nun formato que comeza a ser popular, pero no que é difícil destacar.

E por que unha serie web, con capítulos de pouco máis de 3 ou 4 minutos? Segundo o director, Jorge Cassinello, este formato permítelle ofrecer ocio en pequenas cápsulas, respectando o relato, pero sen chegar a cansar o espectador. Así, pódese considerar unha serie onde todo o peso recae nos diálogos entre os dous amigos, nos que filosofan e nos que falan das súas preocupacións, coas que resulta fácil identificarse.  “Buscaba tamén un formato adecuado para estes diálogos interpersoais, que en realidade xurdiron hai moitos anos. Son ideas, situacións, que ía deixando no caixón por parecerme demasiado íntimos para unha longa”.

Ademais, destaca o coidado da proposta, con actores de primeira liña, guións elaborados, encadres precisos, e, en xeral un aspecto que debemos cualificar de absolutamente profesional, o que marca algunha diferencia respecto a outras series web míticas, das que a máis representativa sería ‘Malvivindo’, que, segundo Jorge, abriron o camiño a este tipo de produto ao serviren de reflexión sobre como se pode explotar Internet polas series de ficción.

A pregunta que xorde inevitablemente ante un produto destas características, de acabado perfecto e goce gratuíto é pero isto é rendible? Pois polo momento non demasiado xa que ao haber poucos modelos establecidos en Internet as grandes marcas non se arriscan a apostar a priori. “O bo que te da un formato tan pouco establecido é a independencia, estou a facer o que quero”, matiza Cassinello.

Do que non cabe dúbida é do seu éxito, con só 6 capítulos publicados, xa están dando moito que falar. “Xa recibimos máis de 17000 visitas, ao que está a axudar moito a nosa labor en redes sociais”, punto tamén clave para triunfar en Internet. Ademais, Cinemanía fíxose eco do lanzamento e nun dos teasers participou Luis Tosar, dous indicativos claros do bo traballo de promoción.

Pero finalmente se ‘Entre Pipas’ triunfa é polo contido, humano, entrañable e co que é moi fácil identificarse “Son reflexións ou situacións que todos tivemos, son cousas do día a día que buscan un sorriso de complicidade máis que unha gargallada chufona”, explica Cassinello. E se non botade un ollo a este fantástico capítulo da serie (para min o mellor sen dúbida).

‘Entre pipas’ contará con 13 episodios na súa primeira tempada, que podes ver en youtube ou na súa páxina web. Tamén podes seguir ‘Entre pipas’ en Facebook, Twitter, Flickr, e seguro que algún outro sitio máis.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...


Comparte en Chuza Difundir a nova en Cabozo

Deixa un comentario

— obrigatorio *

— obrigatorio *