Música, Slide — 07/03/2012 8:57

En panties, concertos con cariño

Escrito por

En Panties, promotora de concertos
Algúns serven comidas desde 1980, outros fan traxes desde principios do século pasado ou se xactan de servir copas desde o ano 2000. Hai quen dedica a súa vida á música, como Álvaro Álvarez e Carlos Ramos, socios da recén nacida produtora En panties, con sede en Compostela. ‘En defensa do Rock desde 1976′ é o seu lema. Ten, claro está, moito de humor, pero tampouco lle falta razón. Esta aventura na que se embarcan supón “pechar un círculo” nunha paixón vital para ambos: a música. Como afeccionados e como membros dun grupo (Álvaro de Niño y Pistola e Carlos de Sr. Fluzo), o único que lles faltaba era meterse a organizar concertos. Con En panties pretenden facelo con actitude profesional, e sobre todo moito cariño. Esta semana arrancan motores coa actuación de La Familia del Árbol en Santiago, Vigo e Ferrol.

Se ao escoitar En Panties evocades lencería feminina estades totalmente equivocados, pensade máis ben en algo quentiño, para estar comodamente na casa escoitando música. “Queriamos que fose panties pola parte caseira e inocente, non pola parte máis sensual”, explica Álvaro Álvarez. “O que si quixemos reflectir, e creo que tamén o recolle a estética deseñada por David Sierra para o proxecto, é un carácter un pouco desenfadado, naïf, e tamén a idea coa que nos definimos, de facer os concertos con cariño, como a nós nos gustaría velos“. Coa súa “defensa do rock desde 1976″ buscan rirse deles mesmos, “encántanos o rock e o levamos a gala desde que nacemos hai 35 anos”, pero tamén evocar “unha idea un pouco artesá do produto”.

En Panties, promotora de concertos
O rock, pero tamén o pop, serán os estilos nos que se englobarán os concertos de En Panties, que viaxarán por toda a xeografía galega
. O xerme desta produtora remóntase a outubro, nunha viaxe á Monkey Week, o encontro internacional de música independente que se celebra no Puerto de Santa María, onde tiveron a oportunidade de coñecer a La Familia del Árbol, grupo co que inauguran o seu calendario de concertos, con actuacións este xoves 8 de marzo en Compostela (Cachán Clube), venres 9 en Vigo (La Casa de Arriba, no marco do seu XIII Aniversario) e sábado 10 en Ferrol (Café Maltés). Unha oportunidade para escoitar a esta adorable parella (no musical e no persoal) formada por Nacho e Pilar, procedentes de Elche, que fan con En Panties a súa primeira xira por Galicia.

La Familia del Arbol
Bautizados por numerosos medios musicais como unha das maiores revelacións do panorama pop nacional, La Familia del Árbol abraza o folk británico dos 70 mesturado cos sons da Costa Oeste. Se escoitas a Nick Drake, Brian Wilson, Donovan, Iron & Wine, Belle & Sebastian ou Fleet Foxes tes moitas posibilidades de deixarte marabillar polas melodías acústicas e a beleza estética e musical que desprende este grupo, que naceu nun salón de casa e vén de publicar ‘La Montaña y el Río’ co selo independente Mushroom Pillow.

O lirismo e o romanticismo das súas letras, uns arranxos moi coidados e un universos estético propio, próximo ao New Traditional, engancharon aos membros de En Panties Producciones, que prometen “un concerto delicado e intimista”.

* Para máis información sobre En Panties Producciones e os seus concertos podes visitar a súa páxina de Facebook

Fotos | Andrés Fraga y Luis Díaz

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...


Comparte en Chuza Difundir a nova en Cabozo

Deixa un comentario

— obrigatorio *

— obrigatorio *