Cool Packaging: Pedralonga

“Mineral é aquela substancia natural, de composición definida, que cando se atopa na superficie da terra, influenciada polo clima e o contorno, adquire un carácter singular”. Na Adega Pedralonga (Caldas de Reis), o gusto mineral proporcionado polos chans de granito achegan aos viños un carácter propio. A pedra é a protagonista gustativa, olfactiva, auditiva (presente ata no nome), e tamén visual, enxalzando as propiedades e personalidade do produto desde a propia etiqueta.

Albariño PedralongaAlbariño Pedralonga
Parafraseando graficamente o nome deste viño, e aproveitando a circunstancia de que a colleita de cada ano ten características particulares, os deseñadores de Cosmic, encargados do packaging, propuxeron aos propietarios da adega que recolleran durante o ano pedras que lles suxeriran algún tipo de asociación coa colleita. A peza escollida é reproducida a través dunha fotografía de gran calidade no frontal da etiqueta, dominando todo o espazo branco. O resultado é unha imaxe limpa e elegante, que funciona a modo de adiviñanza ou poema visual. Os textos legais e explicativos sitúanse na contraetiqueta, redactados nun só bloque, outorgando todo o protagonismo á pedra na parte frontal.

Tinto DoUmia, PedralongaTinto Do Umia
Seguindo esta mesma filosofía, pero adaptándoa a unha nova identidade, Cosmic creou o packaging para o tinto da adega, que leva o nome do val no que se produce. A etiqueta segue as mesmas proporcións e concepción de texto e imaxe que as utilizadas para o Albariño Pedralonga, pero coa personalidade propia que confire a utilización dunha folla en tons cálidos. Ademais, segundo explican os seus deseñadores na súa web “o posicionamento da etiqueta na parte baixa da botella convirte un recipiente vulgar nun envase sofisticado”.

Albariño Vendetta, pedralongaVendetta
Unha proposta máis transgresora é a realizada polo mesmo estudo para un viño tamén rompedor, o Vendetta, unha edición moi limitada que se atreve a explorar os límites gustativos e aromáticos que pode acadar o Albariño sen recorrer a correccións químicas.

Sobre a cinta americana, que funciona a modo de etiqueta, podemos ler o seguinte:

“Din que me crearon coidando ata o último detalle, que proveño dunha raizame de cepas seleccionadas e uvas escollidas con esmero, que me elaboraron despregando o saber da enoloxía… Pero eu sei que tiven que loitar contra os rigores do inverno, aguantar as chuvias a destempo e sufrir fortes pedregadas para despois botar de menos o frío coas calores estivais.

Din que me trataron con amor, pero desarraigaron da terra o froito do que proveño e despois experimentaron comigo, hora tras hora, día tras días, ata verme nacer. Din que son único e moi escaso, que son perfumado e elegante, pero me encerraron vivo, coa boca tapada, en gaiolas de cristal e por iso, xuro…Vendetta!

Un proxecto experimental que permite o uso de materiais pouco habituais no packaging dun viño: a cinta americana e o envasado ao baleiro, utilizados nas vendettas mafiosas co obxectivo de silenciar ás vítimas.

* Esta información forma parte do especial Cool Packaging, unha selección das embalaxes que máis nos gustan. Podes ver máis aquí.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *