Polka Dots: segunda man con historia

Polka Dots“Intentar convencerme a min mesma de que estes vaqueiros non teñen formado parte da miña vida foi unha tarefa complicada. Cando as creadoras da tenda me dixeron que Polka Dots sería algo máis que unha tenda non imaxinaba eu que finalmente resultase ser un pequeno espazo pintado do azul do ceo e branco con madeira no chan e lembranzas nas perchas. Imprimir aos obxectos certa función de Caixa dos Recordos é moi habitual en min e nalgunhas das persoas que me rodean, e non obstante, sigo mirando con lixeira envexa e certo porcentaxe de rancor a aqueles que son capaces de desprenderse de algo sen dubidalo un segundo… quizais porque con esa prenda, ese libro, esa carteira, vaise un testemuño material, unha fe de veracidade que corrobora que, en efecto, estivemos vivos e experimentando aquilo”.

Este é só o principio de dúas extensas páxinas que a propietaria duns vaqueiros bautizados como ‘Blue Jeans’ -igual que na canción de Bowie-, dedicou a esta prenda antes de depositala na tenda de segunda man Polka Dots para traspasarlla, xunto coa súa historia, a un novo dono ou dona que poderá encher novos folios de vivencias. Porque neste establecemento, situado na coruñesa rúa Fita, os obxectos case parecen respirar, obstinados en deixar de ser meros corpos inertes para converterse en narradores de historias, de vidas.

Polka DotsDetrás do mostrador, rodeadas de máquinas de escribir, teléfonos de roda e obxectos do máis curioso, Elena e Esther contan como a súa afección polas cousas de segunda man e os mercados as levaron a montar nas súas casas rastros para as amigas, e a finais de decembro do ano pasado, a cumprir o seu soño abrindo un local no que materializar esta e outras inquietudes.

O que diferencia a este establecemento doutros é que funciona cun sistema de depósito-venda. “A xente trae a roupa, obxectos, mobles… márcase un prezo entre a persoa e a tenda, e cando se venda, a tenda leva o 50% do beneficio e a persoa outro 50%”, explican as súas promotoras. Se ao cabo dun mes o produto non se vende, se retira para dar entrada a novos artigos. Nun principio Esther e Elena tiñan a dúbida de se a xente ía animarse, tendo en conta ademais que no barrio abundan iniciativas relacionadas coa segunda man, pero pese á breve existencia da tenda a acollida está sendo moi positiva para as súas propietarias. “Vén todo tipo de xente, de todas as idades, e estamos moi contentas. É darlle vida outra vez ás cousas”.

En Polka Dots hai cabida para case todo: mobles, radios antigas dignas para escoitar Melodías Pizarras, zapatos de claqué, roupa, obxectos vintageE o mellor de todo é que detrás de moitos destes produtos hai unha historia. Elena e Esther explican que cando facían rastros na casa observaban que moitas veces á xente si lle supoñía unha perda desfacerse de obxectos, polo que pensaron que podía ser unha boa idea que quen quixese puidese deixar a súa historia. Así, nun paseo polo local podemos descubrir unhas prendas con divertidas descricións como estas: “Eu triunfaba con este abrigo, poñíao con guantes longos”, “Esta camisa era engurrada ata que miña nai empeñouse en pasarlle o ferro”, ou “Con esta chaqueta fixen a miña primeira entrevista de traballo, e déronme o traballo!!” (E claro, con esta traxectoria a chaqueta vendeuse axiña, como poderedes imaxinar).

Polka DotsAdemais da venda de obxectos de segunda man, Polka Dots quere ser algo máis, como Elena e Esther subliñan en todo momento. “É un proxecto moi aberto, a idea é ter dous ou tres recunchiños con mesas e cadeiras para tomar cafés e tortas…, que sexa un punto de encontro, un sitio para estar”. No local teñen libros en préstamo e ademais queren abrilo a charlas, obradoiros, lecturas e outras actividades. Outro obxectivo é o de dar a coñecer proxectos que están preto, pero que ás veces non vemos. Así, aproveitando a visibilidade do establecemento idearon o “escaparate polisón”, para dar cabida a iniciativas culturais, sociais e artísticas veciñas no escaparate durante algún tempo.

Un lugar para socializar, un espazo para o depósito e venda de obxectos de segunda man, unha iniciativa para dinamizar o barrio e dar a coñecer iniciativas interesantes. Polka Dots ten moitas facetas, pero no fondo o que as une a todas é unha: dar vida ás cousas.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *