Pode saír algo bonito do lixo?

Seguramente ningún artista ten doces soños de grandeza estilística pensando no lixo. Ninguén pensa en que todas esas cousas que tiramos poden ter outra vida máis alá de ser pasto da xestión de residuos urbanos. E moito menos asocia as toneladas de directamente merda que flotan polo océano, as botellas de plástico que chegan ás praias e os botes de xel de baño baleiros que vagan á deriva coa máxima expresión artística.

Iso é exactamente o que fai Mandy Parker, unha artista británica que decidiu facer co lixo arte na súa serie SOUP. Parker recolle nas praias de todo o mundo aqueles residuos que chegan ata a beiramar e realiza diversas composicións relacionadas cos elementos que atopa, que logo fotografía. O lixo colle formas de constelación, de colorida e inquietantemente fascinante masa de produtos de cores atractivas, de vidreira gótica; enganando ao ollo humano que de súpeto atopa un tubo baleiro de pasta de dentes e pregúntase que raio está vendo.

Segundo explica no seu site oficial, Parker quería establecer unha narrativa sobre a viaxe que o plástico fai nas nosas vidas “dende a atracción inicial ata o intento de indixestión, ata a morte final das criaturas mariñas”. Na colección de imaxes ten, claro está, un importante peso a ‘illa do lixo’, un fascinantemente desagradable lugar no Pacífico no que as correntes están a acumular moreas e moreas de detritus da vida moderna. Se pensabades, por certo, que o Pacífico queda moi lonxe, o noso Atlántico Norte está tamén a formar a súa propia mancha de lixo.

“A intención do meu traballo”, explica Parker a FastCompany, “é a de atraer visualmente a quen ve a imaxe e logo facerlle cuestionarse que representa”.

*Podes ver o traballo de Mandy Parker na súa web 

Foto | EdinburghGreens

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *