As tendencias visten pixama

Cun grupo de bloggeras en pixama, unha pelexa de almofadas e un concerto nunha cama naceu o “IT LAB”, un espazo para xogar e analizar as novas tendencias da moda, que foi inaugurado este sábado no centro comercial Dolce Vita da Coruña.

“Hoxe en día está moi de moda utilizar o pixama como prenda para saír á rúa, e decidimos utilizar esta tendencia para crear un evento que fixese arrincar con forza este novo espazo”, afirma o equipo responsable de desenvolver este laboratorio, que integran Luz Verde eventos, a empresa de comunicación e relacións públicas Punto Up Arte, e Trends and Topics, dedicada a coolhunting turístico. “Ao longo da tarde tivemos unhas 30 ou 40 persoas, a maioría con pixama. Fixemos unha pelexa de almofadas, estiveron os rapaces de Sephora mostrándonos as novas tendencias en perfumería e cosmética para este ano, tivemos un concerto do grupo Blö, e fixemos unha merenda”, explica Rocío Vázquez, de Luz Verde. O evento dirixiuse fundamentalmente a bloggeras, pero tamén se achegaron algúns curiosos que coñeceron a iniciativa a través das redes sociais.

O espazo estará aberto todos os sábados en horario de 12 a 14 e de 16 a 21 horas de xeito gratuíto para todo aquel que queira participar nas actividades que propón. Este laboratorio contará cun servizo de personal shopper, “unha persoa que te leve a mercar o que necesites e o que che sente ben”, segundo explica Rocío, e unha variada programación de eventos. Así, este sábado celebrarán un trend tour no que ensinarán aos participantes a identificar tendencias nunha ruta por distintas tendas, e a próxima semana realizarán un knit café, “para tecer e estar aquí charlando e botando unhas risas”. O mes que vén, “como punto forte”, contarán con Francis Montesinos impartindo un seminario, “aproveitando que está de 40 aniversario no mundo da moda”. Ademais convocarán un certame de deseñadores onde segundo explica a responsable de Luz Verde se premiará que o deseñador sexa capaz de traballar en equipo.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *