Path: o novo olliño dereito das redes sociais

Path

Imaxino a vosa cara de desconcerto, os vosos ollos brillantes e vermellos de tanto mirar pantallas, os vosos dedos tremendo de tanto pulsar teclas físicas ou virtuais. A vosa mente di non. Outra rede social máis non. Xa estamos en Facebook, Twitter, Google+, Foursquare, Tuenti (si?), Last.FM, Pinterest, Dopplr, Cabozo, Miso e Linkedin (entre outros). Máis non! Pero o voso espírito irracional le o nome “Path” con curiosidade. Os vosos dedos xa están a buscar a forma de entrar.

É necesario? Para os que estades a deixar que gañe a parte racional (o resto xa non estades lendo, estades descargando a app ao voso móbil), diremos que non. Necesario, o que se di necesario, ao igual que necesitamos comer e ducharnos, non é. Pero é unha nova opción (que non alternativa) que ofrece algunhas cousas distintas ao resto e que non está de máis probar. Ao fin e ao cabo, tamén estás en Google+ e non entras nunca.

Imos por partes: que é Path? Path é unha rede social. Unha rede social tan acorde cos tempos que corren que ten só versión móbil. Si, Path é unha app. O primeiro que atrae e engancha aos usuarios é o bonita que é. Algunha vez probaches a borrar círculos en Google+? É tan fermoso que engancha. Pois con Path pasa algo similar: darlle ao “+” para actualizar e que aparezan as distintas opcións é tan bonito que unha quere estar a darlle (e xa de paso, actualizar) todo o día. Pero non só iso é bonito: a estética en xeral é preciosa.

Esas opcións de cousas para compartir que aparecen de forma máxica ao darlle ao “+” son as de sempre (foto, con quen estamos, onde estamos, que estamos a escoitar, texto) e unha máis, á que moitos usuarios xa lle están a atopar utilidade: en Path podes dicir tamén cando vas durmir e cando espertas. Cando dis que xa estás en pé, Path di cantas horas durmiches (está ben sabelo, aínda que descubrir que durmimos só 5 horas cada noite pode que non sexa tranquilizador). Por que temos que compartir isto? É divertido, si, pero ademais Path é respectuoso e non emitirá notificacións (con son) mentres estamos durmindo. Gracias, Path.

O outro punto forte da rede social é, en teoría, a súa privacidade. En teoría porque acaban de ter o seu primeiro pequeno escándalo de rede social maior (para todo hai unha primeira vez) ao descubrirse que soben a axenda de contactos do móbil do usuario aos seus servidores sen pedir permiso. Desde Path din que necesitan eses contactos para que a rede social funcione ben, aínda que obvian que unha cousa é acceder a eses datos, algo que fan case todas as apps, e outra ben distinta collelos e almacenalos nos seus servidores. Non pases ao lado escuro, Path!

Porque efectivamente, antes de que se destapase o escándalo, un dos detalles que defendían os amantes de Path era a súa privacidade extrema: só os teus contactos na rede social poden acceder ao que publicas nela (por suposto, se queres compartir con máis xente podes escoller que as cousas se publiquen tamén en Facebook, Twitter, Foursquare e Tumblr), e ademais tes un límite de 150 amigos. Din que é porque é unha rede social só para amigos de verdade, pero o certo é que ese límite estaba antes en 50… seguirán a amplialo? Pódense poñer límites á amizade?

O pequeno hipster que levas dentro será tamén moi fan dos efectos que lles podes engadir ás fotos (si, vintage tipo Instagram), pero avísalle de que esta opción está só dispoñible para a versión iPhone de Path. Os usuarios de Android terán que conformarse co que faga a súa cámara sen filtros extra. Pero non te queixes, usuario de Android! Polo menos ti podes entrar en Path, non como o resto dos mortais. Efectivamente, Path está dispoñible só para iOS e Android, polo que nin os resistentes de Symbian, nin os pioneiros de Windows Phone, nin os atrapados no tempo de BlackBerry poderán acceder á nova rede social.

Androides e fanboys e fangirls: vós si podedes. E a app é gratuíta.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *