Os 10 mellores anuncios da Super Bowl 2012

Esta fin de semana pasada tivo lugar en Estados Unidos a Super Bowl, a final da NFL (a liga de fútbol americano). Quizais alí a xente estivo de verdade atenta ao xogo e ao resultado final, pero o certo é que no resto do mundo a Super Bowl significa anuncios. Anuncios bos, os anuncios que percorrerán YouTube durante os próximos meses e serán analizados ata a saciedade. Aínda que ao final sexa sempre todo un pouco o mesmo. Cal é a receita do éxito? Humor, animais e famosos. Aquí vai a nosa selección dos dez mellores anuncios da Super Bowl deste ano!

10. Hulu – ‘Huluboratory’
Gústanos o Huluboratorio porque desvela un plan maligno, o plan de chegar a todas as mentes, o plan de mesturar tele e cerebro. Un plan para destruír o mundo. E o feito de que o digan así, con todas as letras (“an evil(er) plan to destroy the world”), fai que sexamos moi fans. Se despois pasa non poderemos dicir que non nos avisaran…

9. Doritos – ‘Man’s Best Friend’
Houbo nesta Super Bowl un claro favoritismo cara os cans, deixando aos gatos, reis de Internet, bastante de lado. O anuncio de Doritos é o exemplo supremo disto: o asasinato dun gato queda oculto e impune gracias a un can (o asasino) que soborna ao seu dono con Doritos para que non diga nada.

8. Sketchers – ‘Go Run Mr Quiggly’
Que o teu produto sexan zapatillas de deporte para humanos significa que non podes utilizar un animaliño para o teu anuncio? Claro que non! Ponlle as zapatillas a un can, fai que gañe unha carreira (con pantasmada final) e xa o tes. Un anuncio perfecto para a Super Bowl.

7. Honda – ‘Mattew’s Day Off’
Matthew Broderick fai realidade neste anuncio de Honda un dos soños máis comúns entre os traballadores: chamar ao xefe (ou o axente, neste caso), dicir que estás enfermo e desfrutar un día libre cheo de actividade e felicidade. E é Matthew Broderick, cos seus olliños de susto todo o rato. Fantástico.

6. Samsung  – ‘Thing called love’
As empresas de tecnoloxía son as mellores en meterse coa competencia de forma nada sutil nos seus anuncios. Este ano quen levou a palma foi Samsung, cun anuncio-musical no que xente abandona a cola na que esperan para comprar un novo dispositivo dalgunha compañía (Apple, quizais?) para unirse ao mundo de festa e música do Samsung Galaxy Note.

5. NBC  The Voice- ‘Vocal Kombat’
‘The Voice’ é un programa máis dos saídos a rebufo de ‘Operación Triunfo’, pero a NBC decidiu dalo todo no seu spot: Christina Aguilera, Cee Lo e outras celebrities loitan ao máis puro estilo Mortal Kombat, todo por chegar a unha gran voz. Si, é Betty White.

4. BelVita – ‘Breakfast Police’
BelVita presentan as súas galletas, perfectas para aportar toda a enerxía que necesitamos no almorzo. Valen ata para policías! Claro que o día a día destes policías de vila, se ben pode ser igualmente estresante, quizais non ofreza esa imaxe de heroes e perigos que todos temos…

3. Pepsi – ‘Pepsi for all’
Máis famosos! Aquí temos a un esaxeradísimo Elton John, no papel de rei absoluto e tirano, e a Melanie Amaro (gañadora do Factor X en Estados Unidos) nunha fábula medieval na que, por suposto, gañan os bos.

2. Audi – ‘Vampire Party’
Por fin sae algo bo da saga de vampiros ‘Crepúsculo’! En Audi recollen a moda e presentan unha desas festas contemporáneas de vampiros. O protagonista, iso si, é algo torpe e a cousa acaba en traxedia.

1. Volkswagen – ‘The Dog Strikes Back’
Volkswagen deixaran o listón moi alto o ano pasado co seu anuncio do pequeno DarthVader e este ano souberon estar á altura. Para asegurarse, xuntaron un pouco todas as claves: can, espírito de loita e superación, humor, e un final con referencia clara ao éxito do ano pasado.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *