Monólogos para unha noite de retranca

Do carácter galego (ou topificado coma tal), algo que nos enche de orgullo a practicamente a totalidade da poboación é o noso humor. Ei, dicimos, non ten nada que ver co humor andaluz, o noso é máis irónico (e con iso queremos dicir máis intelixente). Ei, aseguramos, quizais fóra de Galicia pensen que é aburrido, pero é porque non entenden a nosa retranca.

Ten lóxica entón que ‘Noites de retranca’, con ese reclamo publicitario xa no nome, triunfe. E é que estamos xa na terceira edición e sempre enche os teatros (e non, non é tan fácil). Polas ‘Noites de retranca’ pasaron xa monólogos con Manuel Manquiña (un dos participantes máis valorados polo público), Sergio Pazos ou Javier Veiga.

Esta fin de semana foi a quenda de Quico Cadaval, Victor Fábregas e Carlos Blanco en Vigo e Pontevedra, onde, cada un co seu tipo de humor, fixeron rir ás gargalladas (houbo máis dun ataque de risa, alomenos no teatro Novacaixagalicia de Vigo, o que levaba a outros a rir máis aínda en plan clase de risoterapia). Merecían os chistes tantas risas? Pois si e non.

O espectáculo comezou cunha breve presentación de Carlos Blanco, na que fixo referencia, como non podía ser doutra maneira, á morte de Fraga e ao orfos que quedan os humoristas (os mortos non dan tanto xogo). Caldeou o ambiente en cero segundos antes de dar paso a un fantástico Quico Cadaval.

Este conseguiu algo non moi sinxelo, dar unha clase maxistral de humor e etimoloxía á vez! Entroncando diversas historias percorridas pola retranca, asegurou querer falar dunha cultura ancestral (a ourensá) para acabar centrado practicamente no cidadán coruñés, no seu idioma (de aí a etimoloxía), e no seu patriotismo (a miña alma de viguesa impenitente sentiuse un pouco ferida, non damos para ser obxecto das nosas propias chanzas?). O certo é que foi un monólogo longo pero cheo de agudeza.

Despois entrou Víctor Fábregas (disfrazado de román) e o nivel descendeu considerablemente. Unha non quere ser mala, porque non é fácil -imaxino- enfrontarse a un montón de persoas co obxectivo de facelas rir. Pero o certo é que a diferencia respecto aos oradores anterior e posterior foi flagrante. E iso que o tema daba para moito: historias da Biblia protagonizadas por galegos, unha translación dunha mitoloxía que ben coñecemos a unha cultura que tamén coñecemos inmellorablemente.  Pero os 20 minutos da súa actuación fixéronse bastante longos e as risas moitos máis espazadas.

Chegou  finalmente Carlos Blanco, quen foi quen de recuperar as rendas da noite de retranca para gozo do público coas súas historias cotiás e cun punto costumista. Todos coñecemos a algunha pija “ay hija es que no sé” e algunha avoa de aldea á que lle custa entender a diferencia entre dispositivos electrónicos e realidade, e por eso o seu humor, froito dunha irónica observación, funciona tan ben.

En conclusión, un espectáculo con gracia, recomendable e que fai que saias do teatro moito máis feliz do que entraches, pero con algunha parte directamente prescindible.

Shares

    3 comentarios

    • Mixigodo di:

      Os monólogos non sei, pero no cartel que acompaña o artigo tamén é Victo Fábregas o que deixa que desexar! (e isto non é culpa súa, senón do deseñador que non se esmerou demasiado, ao meu ver!)
      Saúdos.

    • Fotografía de avatar Juan di:

      El recorte del cartel es digno de Trapallada Deluxe

    • Beatriz Fernández Barciela di:

      Eu vin o mesmo espectáculo en Pontevedra. O de Víctor Fábregas foi patético. Tiven que poñerme a xogar co móbil porque cheguei a sentir vergonza allea e non quería oír. Sentíame tan incómoda que ata agradecín que alguén, de vez en canto, botase unha risa. O desnivel cos outros monologuistas (extraordinarios) resultou insultante.

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *