Alter-nativa: tenda eco-divertida

Alter-nativa é unha tenda de produtos ecolóxicos para bebés, situada en Cangas (avenida Méndez Núñez  49), e creada por Rebeca, unha arquitecta á que maternidade acendeulle unha lámpada na testa. “Xuntáronse a busca dunha alternativa laboral ao meu anterior traballo coas novas experiencias dadas pola condición de nai”.

Así, xurdiu a idea de crear unha tenda de produtos funcionais e que fomentasen a crianza natural, algo cada vez máis demandado por máis pais. Para ela, os dous piares que lle abriron os ollos a esta necesidade foron os pañais de tela e os portabebés. “O consumo de cueiros desechables convencionais é incrible, aproximadamente,  gastas unhas 5000 unidades por bebé, e despois pensas nos cueiros de tela e revoluciónate o precisar tan só 20.  En canto aos portabebés ergonómicos, son moi funcionais e danche unha liberdade de movementos fantástica, sen deixar ao teu neno só. Se eu tivese tido o portabebés adecuado, non tería quedado sen cea algún que outro día”.

Pero non só cueiros e portabebés atopamos en Alter-nativa, senón tamén roupa, zapatos, obxectos de decoración,  de hixiene, xoguetes ou produtos para nais recentes. Todo desde unha perspectiva sostible, que se percibe, por exemplo, no uso de algodón orgánico para a roupa (que polo demais ten uns deseños do máis chulo, con marcas coma Kabraloca), ou no deseño e a materia prima dos xoguetes, feitos de cartón e madeira. Ante o bombardeo constante de barbies e camións masificados, moitos pais valoran unha ampla oferta de xoguetes que fomentan a creatividade, a imaxinación e o xogo ao aire libre. 

Porque ás veces cremos que este tipo de tendas con produtos definidos como ecolóxicos, son para un público obxectivo moi definido (hippies, xa o dixen), pero o boca a boca fai que o que destaque dos produtos sexa a súa calidade. “Tamén hai un tipo de cliente que chega polos problemas de dermatite que sufre o seu bebé”. E queda.

Entre os produtos que están a triunfar destacan os portabebés, por suposto, os xoguetes de madeira e sobre todo os zapatos para gateo, feitos con coiro e que non caen dos pés.

Desde hai xa tempo, a tenda conta tamén con versión online. Así, na tenda de Alter-nativa podemos atopar todo o catálogo de produtos dispoñibles, para poder comprar tamén fora de Cangas. Aínda que a razón final pola que hai tenda online é para que Rebeca poida pasar máis tempo paseando co seu fillo e menos tempo dentro dunha casa. “Que non se pode ter a un neno de cinco anos entre catro paredes!”.

 

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *