Cool Packaging: Abadía de San Campio

Trazos simples e contraste entre branco e azul, con algún detalle en negro, dan vida a un mariñeiro con forma de botella, e como non podía ser doutro xeito, pelos no peito. O rudo sucador de mares, que en realidade parece bastante inxenuo, é obra do berlinés Sebastian Büsching, que en 2010 resultou gañador do Concurso Internacional de Cartelismo Publicitario Francisco Mantecón convocado pola adega Terras Gauda.

Un dos premios que inclúe este certame -ademais de 10.000 euros-, é a adaptación do cartel para etiquetar un dos viños da marca. Como consecuencia, o mariñeiro debuxado polo alemán ten a honra de vestir as botellas do Abadía de San Campio 2011 e viaxar con elas por todo o mundo, xa que Terras Gauda comercializa os seus caldos en 50 mercados internacionais.

A obra do deseñador berlinés foi seleccionada polo xurado do concurso entre máis de 1.600 carteis de artistas gráficos de todo o mundo. A nova imaxe da botella acompáñase dun redeseño da cápsula que rodea a boca da botella, que adquire as mesmas cores dominantes da ilustración: azul e branco.

O resultado é innovador e fresco, e dista moito do anterior packaging, bastante máis clásico. Xulgade por vós mesmos!

* Esta información forma parte do especial Cool Packaging, unha selección das embalaxes que máis nos gustan. Podes ver máis aquí.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *