Slide, Tecnoloxía — 11/01/2012 9:09

SCVNGR: para confesar que só fas checkin por xogar

Escrito por

Posiblemente algunha vez alguén che mirou con mala cara cando sacaches o teu teléfono móbil, conectaches o Foursquare e lle dixeches ao mundo onde andabas. Cando che preguntou por que demo te adicas a ir contando a túa ubicación (xa sabedes, bla bla bla que se reduce nun ‘e a túa privacidade onde queda?’), tiveches que responder que, aínda que aquí non funciona tanto, Foursquare é unha estupenda ferramenta para localizar as mellores ofertas, para conseguir que a túa fidelidade a un negocio teña a súa recompensa e, sobre todo, para saber que tal son os lugares aos que vas. E sorrís con cara de satisfacción porque non es un pailán senón alguén super tech e super pro que vendeu a súa privacidade – voluntariamente – por un ben moito maior. A realidade non a podes contar, porque che mirarían aínda peor. O único que che mola de Foursquare, o único que realmente che fai feliz de usalo, é ser mayor dalgún lugar.

Porque si: a xeolocalización é un xogo e o que engancha de Foursquare non é máis que o subidón de saber que es o alcalde do lugar X. Non importa se falamos do supermercado, dunha ruela de aspecto tenebroso ou da praza maior do teu pobo: un mayorship é o mellor que che pode pasar… aínda que todos os usuarios se escuden nos servizos engadidos para xustificar a adicción a Foursquare. Ata agora. Hai mozo novo na oficina e servirá para sacar o estigma da competición da xeolocalización. Chámase SCVNGR  e deixa claro que é, antes que nada, un xogo.

O modo de uso é moi sinxelo. Como en Foursquare (e outros servizos de xeolocalización que non conseguiron seducir a ninguén), hai que ir aos sitios e dicir ‘estou aquí’. Pero a diferencia de Foursquare aí non acaba todo: os lugares non son só lugares nos que estar, senón tamén espazos nos que xogar. Ao facer checkin, o usuario recibe un reto e se o consigue acada uns puntos. Os puntos son a chave para marabillosos premios, como café gratis, un xeado ou a metade dunha pizza. Os retos poden ser, por certo, calquera cousa, dende facer unha figuriña en origami ata simplemente facer unha foto.

SCVNGR  funciona para Android e para iPhone, aínda que polo de agora só está presente en Estados Unidos. Cando chegue a este lado do Atlántico a xente como quen asina este artigo poderá deixar de ocultarse no anonimato e dicir que un dos días máis felices da súa vida foi cando conseguiu ser alcaldesa do seu supermercado. Sen que ninguén a mire mal.

Fotos | SCVNGR  

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...


Comparte en Chuza Difundir a nova en Cabozo

Deixa un comentario

— obrigatorio *

— obrigatorio *