Bebidas de avoa que volven: o xerez

Si, amigos, si. Primeiro intentaron facelo (sen éxito) co anís, intentando convencernos de que era cool. Pero algo fallaba. A sidra, que non sabemos se é de avoas pero si que vivía baixo a etiqueta de “alcohol para nenos”, logrou romper todas as barreiras e situarse cara a cara coa cervexa nos pubs británicos. E agora chega unha vez máis unha tendencia desde as illas: agora alí está de moda beber xerez. Os culpables? ‘Downton Abbey‘.

Tamén é certo que se hai unha avoa cool, esa é Maggie Smith (no seu papel como viúva de Grantham ou facendo o que sexa), e se ela (e toda a familia) abren as ceas cunha copiña de xerez, por que non recuperar a tradición? O cambio é espectacular: en Marks & Spencer, por exemplo, rexistraron xa un aumento dun 15% nas ventas de xerez.

Desde a tenda falan do “efecto Downton”, pero o certo é que a presión para facer do xerez algo non exclusivo a avoas xa leva algún tempo facendo forza no Reino Unido. Varios chefs estrela do país, como Jamie Oliver, son defensores incansables da bebida, animando á xente a pedilo coma alternativa ao viño nas ceas. E por suposto toda esta énfase na nova bebida cool viu xa o nacemento de varios establecementos adicados en exclusiva a servir xerez, e o Reino Unido é xa o segundo importador de viños procedentes de España.

Estás xa chamando á túa avoa porque non podes esperar para unirte á moda? Non te precipites. Hai un par de cousas que tes que saber antes de lanzarte á botella de xerez. Porque o xerez non deixa de ser un viño, e como pasa con todos os viños, bebelo é un arte. E aínda que hai moitos tipos (Manzanilla, Fino, Amontillado, Oloroso…), si teñen algunhas regras comúns:

– Frío está máis rico. O frigorífico e a casa do xerez, non o esquezas.
– Non envellece ben. Si, é un viño, pero o certo é que canto máis fresco, mellor. Ademais unha vez aberta a botella o mellor é acabala (xa que estamos), porque a bebida irá empeorando.
– Aínda que en Downton Abbey o que aprendemos é a tomar o xerez de aperitivo, o certo é que tamén pode beberse durante toda a comida ou cea. Aquí o ideal é experimentar e ver en que momento gusta máis.

Pero vaia, non necesitas que sexamos nós ou ‘Downton Abbey’ quen che diga que o xerez mola. As nosas avoas saben máis de alcohol (e de case todo) ca nós, polo que se elas toman a copiña, que mellor que continuar coa tradición?

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *