Pódese ser un neno moderno?: 5 recomendacións para un vestiario infantil e hipster

Cando comeza a ser un moderno? Onde arranca a ‘hipsterización’ dunha persoa? Pode ser na máis tenra infancia, neses primeiros anos de vida, nos que o cerebro está especialmente receptivo á influencia dos maiores. Desbotade todos eses vestidiños reboludos, os traxes de fútbol e os chándales (sobre todo os chándales) cando lle teñades que facer un regalo a un neno e usade todo o voso poder para encamiñalo cara o lado moderno da vida. Pódese facer, só hai que botar man do comercio electrónico.

Por se tedes que mercar xa un regalo (agora que os Reis se achegan perigosamente) ou se simplemente dubidabas que os nenos puideran ser guays (eu continúo tendo as miñas dúbidas, aínda que a selección de roupa dálles moitos puntos ao seu favor), aquí tendes o mellor do existente na rede para o hipster neno.

1. Xersei de tartaruga moderna.

Á venda en Etsy, ese xigantesco depósito de cousas molonas. A tartaruga Freddie ponse as súas gafas de intelectual do mundo animal e lánzase á procura do máis in do lugar.

Custa uns 14 euros e nunha talla para nenos pequena (din que 6 a 7 anos). Outros tamaños terían que ser baixo demanda e… aseguran ter tamén a versión para adultos (viva!).

Feita a man por YesterdayChild.

2. Elegante pero informal. 

Nunca é demasiado pronto para aprender a vestir con clase. Tamén de YesterdayChild e tamén á venda en Etsy: custa uns 14 euros e permite incorporar a corbata ao vestiario dos cativos.

3. Vestido de cupcakes.

Xa sabedes que os cupcakes están en pleno boom. Pode ser que exista xente que estea xa tan farta destas encantadoras madaleniñas decoradas, pero mentres o aburrimento no sexa masivo terá que seguir vendo cupcakes por todas partes, como os deste vestido de BabyWit.

A firma, online e estadounidense, ofrece roupa para nenos alternativos.

O vestido de cupcakes sae por 36 dólares, pero teñen moitas outras cousas de aspecto encantador ( e moderno 100%). O babeiro mantel de picnic é o máis, a liña I like my bike xa os prepara para o cycle-chic  e estes zapatos deixan claro que por ter seis anos non hai que levar cousas feas nos pés.

4. Bigotes. 

Os bigotes están de moda, aínda que a certas idades é moi complicado poder unirse a esta tendencia hipster. Non vos preocupedes, nenos do mundo! Hai xa varias opcións para ser un neno e levar bigote.

A primeira está nos chupetes customizados, que permiten escoller ademais entre varios tipos de mostachos. Pódese ser un decadente aristócrata, un ‘Little Charlie’, un vendedor de arte ou un home francés. Só hai que escoller e pagar 11 euros (en Etsy).

Por uns céntimos máis, en Etsy tamén hai outra opción bigotuda e aínda máis riquiña: un body cun bigote artístico estampado. Está en algodón e en diferentes tamaños para nenos de 0 a dous anos. E no mesmo portal de cousas bonitiñas, un xoguete infantil permite practicar a levar bigote cool.

5. Gafapastismo.

Os adultos pódense permitir levar gafas sen graduar só por levalas e poder sentir que molan por ter gafas de pasta. Os nenos non, aínda que morran de ganas de engadir este elemento tan moderno ao vestiario. Non vos preocupedes! Se non as poden levar sobre os ollos sempre as poden poñer enriba. Con este gorro abrigoso e gafapasta. Menos de 10 euros en Etsy.

*Este recopilatorio moderno vai adicado a Meri, unha das primeirísimas lectoras de Disquecool, que acaba de ser tía. Felicidades! 

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *