Scrapbooking: cortar, pegar e facer collages coas fotos

Cando era máis nova volvía de cada unha das miñas viaxes con material para encher una caixa. Billetes de avión, tickets de museos, follas das árbores do parque, anuncios que me deran pola rúa, panfletos turísticos varios, envoltorios de caramelos… que de feito, eran metidos nunha caixa que non se volvería a abrir ata que entrase unha nova quenda de souvenirs.

O meu obxectivo, sen embargo, non era ese. O que eu quería era facer un álbum ben bonitiño, cunha foto grande de portada e un collage con todos eses elementos para contar a historia da miña fantástica viaxe. O que eu quería, finalmente, era facer scrapbooking, só que eu non o sabía.

Ese é o nome técnico para algo que, mellor ou peor, todos fixemos algunha vez: albumes de recortes. O scrapbooking o que fai é darlle un empaque máis sofisticado, máis complexo e máis moderno. Porque aínda que esta actividade DIY leva de moda nos Estados Unidos desde os anos 70, aquí está comezando a introducirse agora

Fronte ao que poidades crer, non chega con coller un álbum, unhas fotografías, cola e unhas tesoiras. Consiste en personalizar albumes de fotos, pero mediante toda unha serie de técnicas que inclúen recorte e pegado, por suposto, pero tamén collages, estampación, costura, troquelado ou repuxado. Na actualidade a actividade esténdese non só aos albumes fotográficos, senón tamén outros obxectos de creación manual coma cartas, invitacións, axendas ou calendarios.

Non se trata tan só dunha paixón: o scrapbooking hoxe ten oficio e beneficio. O certo é que esta afición parece estar bastante codificada e organizada, a través de múltiples revistas, cursos nos que se ensinan as diferentes técnicas (nos Estados Unidos hai uns cantos gurús), e tendas que venden o material (nada barato) necesario.  E é que aínda que aos leigos na materia non se nos ocorre tanto produto relacionado, os scrapbookers españois ata hai moi pouco, tiñan que comprar os papeis de cores, as plantillas, os cuños ou os adhesivos no estranxeiro.

Agora ben, cunha boa dose de creatividade, tampouco fai falla gastar moitos cartos. O quid da cuestión está en crear un álbum único, mesturando as fotografías con todo tipo de materiais, normalmente tamén con alto contido sentimental. Cóntase así unha historia a través das fotos, o texto, as cores elixidas, a decoración… para dar lugar a un obxecto plástico de gran beleza -alomenos se se fai ben-. E é que, como todo o relacionado co analóxico, esperta o noso nostálxico romanticismo. E por iso gusta tanto.

Para proba déixovos varios botóns ao longo do texto, sacados do blog dun famoso scrapbookista: Ali Edwards, que designou aos fans desta actividade coma “artistas perpetuos”.

Fotos | Ali Edwards e Margaret Crawford

Shares

    3 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *