Guía de doces Android para o Nadal máis geek

O Nadal xa está case aquí e o bombardeo de imaxes de xente feliz, neve e luces de cores é practicamente insoportable. A súa influencia sobre o noso comportamento é tamén innegable: de súpeto queremos montar árbores de Nadal e facer manualidades. E por algunha estraña razón atácanos un desexo irrefreable de meternos na cociña a facer cousas doces.

Desde Disquecool decidimos non opoñer resistencia e rendernos ante os desexos do Nadal. Iso si, sempre sendo os máis cool do lugar. É por iso que se hai que facer sobremesas, non nos imos conformar con facer roscón ou turróns, non. As nosas sobremesas están deseñados por alguén que inflúe no noso comportamento máis que as mensaxes de Nadal: Google! (porque, pensamos, xa postos a renderse, facelo ante o máis forte).

Google fíxoo ademais todo ben deixando que a elección das sobremesas estea clara: cada unha das súas versións de Android leva o nome de algo doce. E si, nós sempre defendemos que somos de Symbian porque é vintage, pero quen gaña en marketing e adorabilidade a Android? Sabémolo: ninguén.

Cupcakes Android

Android 1.5 – Cupcake
A primeira versión de Android bautizada con nome de doce (que saibamos, intuímos que tivo que haber dúas máis antes) deixa clara unha cousa: Android é cool. Como se non se explica que xa en 2009 abrazasen a moda dos cupcakes? Xa sabedes, esas madaleniñas con decoración de glaseado por riba que están de moda xa en todas partes. Para a sobremesa Android real, recomendamos que na decoración intentes reproducir ao pequeno androide. Colorante verde!
Receita

Android 1.6 – Donut
Para a seguinte versión, Google optou por algo máis tradicional na repostería estadounidense: o donut. Unha homenaxe a Homer Simpson, quizais? Queremos crer que si. De todas formas, non hai por que pensar nos donuts pegañentos e de todo menos sans aos que estamos afeitos: se os facemos na casa (é posible), nós controlamos que levan e quedan ademais moito máis ricos. Non son en principio aptos para principiantes no mundo da cociña, pero quen non arrisca non gaña!
Receita

Android 2.0 (e 2.1) – Eclair
Empezamos cos nomes menos claros: que diaños é un eclair? Segundo Wordreference, trátase dun “pastel individual recheo de crema”. E facendo unha investigación algo máis profunda, atopamos que vén sendo o que aquí chamamos “pepito” de crema ou chocolate, ou petit-choux. A masa é a mesma, pero cambia a forma de enfornalos (iso din por aí). En Estados Unidos parecen ademais ser un doce importante, xa que teñen ata o seu día nacional (un pouco de broma, claro).
Receita

Android 2.2 – Froyo
Esta versión foi a primeira na que os nomes dos doces empezaron a ser máis coñecidos entre os usuarios, deixando de ser un simple nome de traballo en Google. Unha vez máis toca preguntarse a que se refiren con Froyo, ata que analizamos a palabra: froyo é unha abreviatura de “frozen yogurt”, é dicir, os iogures xeados dos que xa vos falamos por aquí hai un tempo. Habería que empezar a dicir “se ten versión Android, é tendencia”?
Receita

Android GingerbreadAndroid 2.3 Gingerbread
Biscoito de xenxibre! Este podería ser a estrela do Nadal, non só por estar en moitos dos vosos teléfonos, senón tamén por ser das sobremesas máis doadas de facer. Porque si, témoslles algo de medo aos biscoitos, pero normalmente é difícil facer que non queden ricos. Poden queimarse algo ou quedar pouco feitos, pero rara vez están malos. E son ideais para mollar nun chocolate quente a tarde de Reis (ou na mañá de Ano Novo se queres innovar e deixar os churros de lado). A outra opción é facer galletas de xenxibre coa forma de Android!
Receita do biscoito
Receita das galletas

Android 3.0 Honeycomb
Aquí Google cambiou un pouco o xogo, xa que “Honeycomb” non é ningunha sobremesa. Iso si, segue a ser doce e traduciríase por “panal”. É dicir, estamos a falar de mel e a partir de aí a liberdade é toda nosa para crear a nosa sobremesa co manxar dos deuses. Se es dos novatos na cociña e non te atreves nin co biscoito de xenxibre, esta é a túa oportunidade para buscar unha receita faciliña e facela en honor a Android.
Receitas

Android 4.0 Ice Cream Sandwich
Como o seu propio nome indica, neste caso falamos deses sándwichs de xeado: podes ir ao fácil e simplemente coller un par de galletas e meterlles xeado no medio ou facer algo máis sofisticado. Que tal mesturar o xeado con algunha froita? Ou regar o resultado final con chocolate ou vainilla? Deixa que a túa imaxinación decida!
Receita

Polo de agora non temos máis nomes de novas versións de Android, pero se vos fixastes no detalle de que Google vai por orde alfabética, estaredes xa a pensar nas posibilidades da seguinte letra (no alfabeto inglés), o “j”. Algunha suxestión que enviar a Google? Nós xa estamos pensando nun Android de marmelada (jam) ou xelatina (jelly)… pero de momento temos xa bastante traballo intentando facer todos os doces das versións coñecidas de Android!

Fotos | Andreas Ivarsson e Jan Kaláb

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *