6 novas contas paródicas en Twitter da política galega

Que pasou nas últimas semanas? Que comeron as forzas ocultas do Twitter para que de repente florezan como margaridas na primavera as contas parodia dos políticos galegos e as súas ideas? Se hai escasas semanas non era sinxelo conseguir reunir un censo de catro contas parodia dos políticos galegos, hoxe é posible ampliar a lista. A brutal e famosa Espeonza Aguirre ten xa un número xeitoso de herdeiros a este lado do telón de grelos.

1. Galicia Pilingui. Cun claro sabor @MasaEnfurecida, Galicia Pilingui comezou a twittear o 12 de decembro. Só escribe en castelán, con bloque de maiúsculas activado, é ultraconservadora e lamenta todas as ‘gallegadas’. Polo de agora os seus tweets non alcanzaron unha media de brutalidade mordaz tan alta como a da súa inspiradora, aínda que si ten algúns moi bos, como o que apunta que se o galego fose algo útil, Justin Bieber o coñecería. Como tamén fai a Masa Enfurecida, Galicia Pilingui adora a @Andritxol. E xa se apuntou un tanto cando a Galicia Bilingüe de verdade lle devolveu un follow friday.

2. Malicia Bilingüe. A versión paródica do movemento Galicia Bilingüe apareceu o 11 de decembro. Xa dixo que Castelao “era de la ETA”, criticou o concerto de Manel na Coruña e promete no seu perfil que cando alguén fala galego, Deus mata un neno.

3. Paquito Vázquez. O ex alcalde socialista da Coruña e embaixador de España ante o Vaticano únese á lista de políticos que teñen sátira twittera.” @GaliciaPilingui @MaliciaBilingue@Feix009 @BaltarOu Queridos amigos y congéneres; no me esperéis más. He llegado”, anunciou o 15 de decembro. Pacus Magnificus, que así se fai chamar, analiza a política local coruñesa, ataca ao actual alcalde da cidade e incluso desvela os seus temores máis profundos (como que a súa filla se líe cun nacionalista que se chame Xoel).

4. José Luis Baltar. O presidente da Deputación de Ourense acaba de arrancar en Twitter, polo menos na súa versión paródica, @BaltarOU. O seu primeiro tweet foi unha única palabra: “caciquear”. Aos seus primeiros vinte followers prometeulles un traballo na Deputación de Ourense, aínda que como os os dez primeiros followers saíronlle comunistas non lle quixo dar o emprego. Escribe en galego, faise chamar Joselu e defínese na súa biografía cunha confesión de estilo: ” Sempre levo boina e zocos alteados”.

5. Deputación de Ourense.  As deputacións de Lugo e Pontevedra teñen conta en Twitter oficial. A de Coruña está no silencio no microblogging. A de Ourense ten unha parodia. Leva twitteando dende xa hai uns meses, aínda que nós acabemos de descubrila. Pasa algunhas semanas sen actualizar.

6. Alberto Núñez Feijóo. Faise chamar @Virrey_Galicia e comezou a twittear o 25 de novembro, confesando que estaba nun acto do partido en Santa Tegra ríndose dos portugueses. Defínese como gobernador da Gallaecia e, a diferencia da outra conta paródica do presidente da Xunta de Galicia, este deixa claro na súa bio que é unha parodia. Traduciu o seu Feijóo por Alubia. 

Outras contas paródicas da política galega, no noso primeiro artigo de recopilación

Foto | Coletivo Mambembe (destacado) 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *