Dentaduras postizas e agullas de calcetar contra o crime

A engurra ao poder, un videoxogo para iPad

Por que os superheroes sempre teñen que ser guapos e fortes? Por que non poden ser persoas normais, coma nós? Esta foi a reflexión que levou a Beatriz Legerén e Javier Martín, da empresa viguesa Interacción, a dar vida a Cleta, a protagonista do videoxogo para dispositivos móbiles ‘A engurra ao poder’, unha velliña de armas tomar que non dubida en usar a súa dentadura postiza ou as súas agullas de calcetar para acabar co crime organizado da cidade.

“O que hai que facer é ir á xente real, e que hai máis real que unha velliña á que lle rouban a pensión?”, explica Eva Piñeiro, do equipo de programadores. “Ben que sexa muller, pero mellor aínda que sexa unha muller entrada en anos. Todos nós podemos ser superheroes se temos a actitude adecuada“, puntualiza.

O xogo está ambientado no Chicago dos anos 20, onde unha banda de gangsters dedícase a roubar as pensións aos avós cando saen do banco. “Talmente coma hoxe, non evolucionamos nada”, bromea Eva. A Cleta, a peculiar heroína deste xogo, gústalle calcetar, pasear, o cocido, as ameixas de Carril e aplicar xustiza. Por iso non dubida en facer uso de todas as súas armas para loitar contra o crime. Co seu andador, a dentadura e moño postizos e as agullas de calceta fai fronte a todo malfeitor que se lle poña por diante, sempre e cando o xogador demostre certa pericia, claro está.

Nesta aventura non podía faltar un doutor tolo, Enrugator, o principal inimigo de Cleta, que utiliza os cartos roubados aos vellos para financiar os seus malvados experimentos. Poderá a velliña acabar con el? De seguro lle resultarán de grande axuda os obxectos que aparecen polo camiño, como unhas gafas que lle permiten atinar mellor os disparos, unhas chanclas que melloran o seu salto, un refaixo e unha rebequiña que fan de chaleco antibalas e unha poción verde que lle outorga super velocidade.

“É un xogo dunha mecánica moi sinxela, de plataformas, tipo Mario Bros, só que en vez de ter un fontaneiro de personaxe temos unha velliña”, afirma Eva, que opina que ‘Engurras ao poder’ é apto para “todo tipo de público, desde 6 anos ata 90”. “Calquera que se sinta con ganas de manexar un dispositivo táctil deste tipo é quen de xogar”.

A programadora explica que calculan sacar á venda o xogo en marzo para iPhone, iPod touch e iPad. Estará dispoñible en galego, español e inglés, e terá un prezo duns “89 céntimos”. “É moi asequible, polo prezo dun café tes un xogo que te entretén”, sostén Eva Piñeiro.

E mentres dan os últimos retoques a Cleta, en Interacción xa pensan en novos proxectos. “Xa se está facendo o deseño do seguinte, que penso que se vai chamar Santa Compaña, con ambiente galego. Temos ganas de facer cousas novas”, subliña Eva.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

3 comentarios

  • Vane di:

    Y no está tan descabellado… mi abuela en una ciudad como Caracas no se dejó robar el bolso y le pegó a un chico que se había metido con sus hijas, denunció a un ladrón que se había metido en el edifició. En definitiva superabuela. Ya era hora dar un poquito de protagonismo a las abuelas que se dejan la piel en defender a sus familias y que con tanto cariño nos cuidaron. Bicos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *