Analizamos o novo Twitter (e temos un déjà vu)

Novo Twitter

“Outra vez?”

Iso é o que nos preguntamos todos (cunha mestura de rabia e medo) cando onte descubrimos que Twitter estaba a ser vítima dun novo redeseño. O hashtag #newtwitter volveu a ser trending topic e os que seguimos o mundo das novas tecnoloxías atopámonos de súpeto en pleno déjà vu. E vertixe. E pulsando F5 (ou ctrl+R ou cmd+R) no noso ordenador coma se fósemos Desmond en ‘Lost’ (ai), porque si, ao fin e ao cabo somos un pouco masoquistas e queremos ter os cambios canto antes para xogar e fochicar (e criticar!).

A alegría chegou esta mañá no Twitter de @disquecool, que amañeceu co novo deseño. E por unha vez parece que a parte de criticar vai quedar pouco apaixonada: en Twitter foron listos e xa foran introducindo algunhas novidades (a desaparición da pestana @mencións e a aparición da pestana actividade) nas últimas semanas, polo que xa estamos afeitos aos cambios máis importantes e que menos nos gustan. As novidades de onte, en xeral, deixan pouca marxe para a crítica desapiadada.

1. A nova navegación. O vello novo-Twitter parece que era simplemente algo provisional e transitorio para ir introducindo as novidades definitivas. Así, as vellas novas-pestanas (Timeline, @usuario, Actividade, Busca e Listas) desaparecen do explícito e cambian de nome, pero non de concepto. Os novos nomes son Inicio (para o timeline), @Conecta (dividido en @interaccións -o vello-novo @usuario -e @mencións), e #Descubre (dividido en Historias -con tweets sobre trending topics ou temas que poidan interesar ao usuario -, Actividade -si, o que antes era unha pestana agora está aquí agochado -, e os xa coñecidos A quen seguir, Buscar amigos e Explorar categorías).

A estrutura da páxina cambia por completo: as tres novas “pestanas” non son en realidade pestanas, senón que pasan á barra de navegación superior ao carón do buscador. A barra lateral, pola súa banda, cambia de lado e pasa a estar á esquerda e as fotos e vídeos reprodúcense xa no timeline. A quen nos lembra isto? Os paralelismos con Facebook son cada vez máis pronunciados.

Novo Twitter

2. A páxina de perfil. Un destes paralelismos coa rede social do señor Zuckerberg é o perfil de usuario, cada vez máis unha presentación de cara á xente que vén de fóra: no canto de ser a simple colección de tweets do usuario que era nos seus comezos, agora é un “así son eu” digno de Facebook. A imaxe e descrición do usuario pasan a ter maior importancia, e os favoritos, imaxes e usuarios aos que segue pasan á parte superior da barra lateral.

3. As páxinas de marcas. Máis Facebook (e Google+). Twitter ten agora tamén páxinas específicas para marcas e empresas. Que é o que cambia? O obxectivo: como pasa nos perfís de usuario, a páxina de Twitter dunha marca pode ser a partir de agora un destino en si mesmo, non só o medio polo que a empresa se comunica cos usuarios. Os propietarios poderán customizar as cabeceiras, e escoller un tweet para que quede na parte superior da páxina (e que este se expanda de forma automática para amosar unha foto ou vídeo). Podes ver xa algúns exemplos nos Twitter de Coca-Cola, Disney ou Heineken (só se xa tes o novo Twitter).

4. Unificación web e móbil. Outro dos aspectos máis interesantes do redeseño é que por primeira vez as versións web e móbil (coas súas apps) de Twitter comparten forma de navegación, polo que, como afirman desde o sitio de microblogging, “non hai que aprender o mesmo dúas veces”. (Iso é polo menos o que din eles, nós non puidemos comprobalo porque a app é só para iOS e Android e nós somos Symbian -porque é vintage, xa sabedes).

En definitiva, parece que esta vez Twitter deu os pasos correctos e logrou colocar un dos seus redeseños máis importantes sen provocar a ira masiva dos usuarios. O truco de estragar as cousas antes e arranxalas un pouquiño no redeseño parece que funciona.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *