Un método perigoso: psicanálise resumida

‘Un método perigoso’ explora a relación entre Jung, Freud e Sabina Spielrein (paciente de ambos e despois tamén psicanalista), un tema que é xa fascinante de por si  e que fai que ao saíres do cine o primeiro que fagas sexa buscar os seus nomes (e o de algún secundario coma Otto, o psicanalista libertino) na Wikipedia.

Estou dicindo que o máis interesante da película é a súa relación coa realidade? Si e non.  O filme preséntanos a psicanálise na súa idade dourada, está todo o tempo a falar de conceptos non por superados menos apaixonantes, móstranos eses mesmos conceptos a través das miserias das personaxes (ambición, competitividade co “pai”, desexo sexual sublimado ou sen sublimar e tamén moito amor visceral) e traza un esquematiquísimo biopic das tres personaxes principais.

En ‘Un método perigoso’, David Cronenberg elixe facer esa presentación a través dunha narración fría, académica nas formas (non nos contidos, que resultan -evidentemente- moi simplificados e nada “pesados”) que é sen dúbida un acerto. É a propia historia centrada na nosa relación co que temos de primitivo -aínda que moi aderezado con discusións filosóficas de alto nivel- a que transmite toda a enerxía que o argumento contén.

As interpretacións das tres personaxes principais son fantásticas. Viggo Mortesen constrúe un Freud cuxo aura de magnetismo sae incluso da pantalla. Michael Fassbender borda un Jung vacilante, cobarde e demasiado místico. En canto a Keira Knightley a min convenceume plenamente. A súa interpretación é sen dúbida a máis complicada, porque comeza con accesos de histeria para evolucionar nunha muller estable e coa cabeza ben sentada. Interpretar a loucura sen caer no histrionismo ou que se te acuse de sobreactuación é ben difícil, Knightley  resulta moi incómoda pero incómodo é (imaxino) estar ante unha crise de histeria.

Trátase dunha película valente ao abordar un tema que podería resultar árido para moitos, aínda que non tanto nas formas, clásicas e que dan todo o protagonismo a historia. Isto vese por exemplo no intercambio de cartas entre Freud e Jung, onde se cae nun exceso de “diálogo escrito” xustamente por respectar o contido das verdadeiras cartas que se enviaron a raíz da súa ruptura.

Pero en termos xerais trátase dunha historia complexa moi comprensible, ben levada e que permite pasar 99 minutos completamente seducidos pola carisma das personaxes e as relacións de amor e poder que se establecen entre eles.

Shares

    2 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *