Un gato fedorento, Portugal e o Nadal: o mellor anuncio da historia

No afán deste medio por ofrecer sempre historias de calidade e no seu compromiso co xornalismo de verdade (o de saír á rúa), parte do equipo de Disquecool cruzou onte a fronteira cunha misión en mente: experimentar en primeira persoa como é ir ao cine en Portugal. Esa experiencia será relatada noutro artigo nos próximos días, pero a viaxe e a visita ao cine no país veciño serviron ademais para un descubrimento extra: puidemos ver o que, na nosa humilde opinión, é o mellor anuncio da historia.

Os responsables da fazaña inxustamente limitada ao público portugués son Gato Fedorento cun spot creado para MEO, o servizo de televisión de pago de PT Comunicações. O anuncio, cunha duración algo anti-televisiva (máis de catro minutos), é un hilarante relato e titorial no que veñen todas as claves necesarias para facer publicidade no Nadal: as campaniñas, a neve, a aparición dunha “figura coñecida do mundo da música” (neste caso Lúcia Moniz, á que fóra de Portugal coñecemos como “a portuguesa de Love Actually“),  a coral infantil para intensificar a proximidade emocional, as mamá Noel lixeiras de roupa para o público masculino, a xente de toda raza e condición para ser politicamente correctos…

Por que dicimos que se trata dun titorial? Porque no canto de simplemente meter todos estes elementos (sen explicar que se trata dun truco), a canción do spot vai explicándoos —cun útil subtítulo a modo de karaoke— un a un conforme van saíndo.

Os responsables son, como xa comentamos, Gato Fedorento, un grupo de humoristas portugueses chamados así en honor ao Smelly Cat de Phoebe en Friends, que se adican desde principios dos anos 2000 á creación de sketches. Ao principio estaban máis unidos á televisión (tiñan programa propio), pero agora levan xa un tempo afastados dela e prestando os seus servizos a distintas marcas a través de spots (ningún deles, iso si, tan memorable coma este).

Agora toca a inevitable comparación co anuncio de Nadal que temos aquí e que pode durar catro minutos. Si, as burbulliñas de Freixenet. Desde Disquecool queremos aproveitar este artigo para lanzar unha petición á casa de cava e que para o ano que vén contraten aos gatos fedorentos para a realización do seu famoso spot de Nadal. Coñecen todos os segredos do éxito dunha campaña publicitaria nestas datas. E nós cremos que o seu talento merece ser desfrutado tamén fóra das fronteiras portuguesas.

Shares

18 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *