Le marché de Rachel: estilo chic parisino en Vigo


Le marché de Rachel é unha tenda pequeniña
, situada en pleno centro de Vigo (Marqués de Valladares, 22) que evoca ese punto naif, feminino, caótico e vintage do estilo da capital francesa.

Pero n0n a través de grandes marcas parisinas, senón apostando por deseñadores novos, independentes, que elaboran os produtos de maneira artesanal e que a pesares de ser descoñecidos para o gran público, presentan propostas orixinais e atractivas. É o caso, por exemplo, do calzado de Moskitas Muertas, dos complementos de Joselito My Fren ou da roupa de Hada Madrina, que é do que acapara máis atención neste momento. Entre os nomes galegos, atopamos Saias Ledas, Le chanelas ou Jose Abella.

Raquel Lema Cabaleiro montou esta tenda hai só seis meses, tras vivir tres anos en París e empaparse do ambiente dos seus mercadillos, onde se poden atopar xoias escondidas entre marañas de obxectos desordenados, fotos antigas e flores frescas. Unha atmosfera ecléctica e inspiradora.

Na súa tenda, que pretende recuperar esa beleza dos mercadillos europeos, tamén atopamos variedade de obxectos: bolsos no teito, zapatos con lazos, bisutería variada, vestidos e abrigos orixinais, velas aromáticas, ou caramelos artesanais de Papablubbe. Todo dentro dunha liña hipster, ou como explica Raquel: “Le marché de Rachel chama a atención da xente moderna, creativa, que busca algo diferente“. E é que, de momento, está moi satisfeita coa reacción do público: “A tenda gusta, recoméndana… aínda que non sexa para eles, para facer un regalo a alguén máis de este estilo”.

Mesmo se o local é pequeniño, atópase decorado con moi bo gusto e a singularidade dos propios produtos á venda permítelles formar parte fácilmente do atrezzo desde mercado parisino chic e cheo de encanto.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *