Letras, Slide — 04/12/2011 13:53

Culturgal: Así me convertín nunha personaxe de novela

Escrito por

En directo dende o stand de Disquecool no Culturgal

Din que na vida hai que plantar unha árbore, ter un fillo e escribir unha novela, aínda que se protagonizas unha se cadra tamén cumpres xa co requisito para a inmortalidade. Durante este Culturgal, o escritor Camilo Franco permite cumprir ese soño de vida eterna. Só hai que convencelo de que unha paga a pena para aparecer na novela que se está escribindo durante a feira.

“-Como te chamas?” Así comeza o camiño para ser unha personaxe de novela. O interesado senta na cadeira que Camilo Franco ten no seu stand e empeza a defender a súa candidatura como extra na historia, unha trama policíaca que arranca coa chegada dun asasino a soldo a Pontevedra (o criminal estaba na emigración porque “aquí non tiña traballo” xa que a crise tamén tocou no mundo da delincuencia) para asasinar a un político de primeiro nivel (o conselleiro de Cultura, se cadra?) durante o Culturgal. O asasino ten tres días para cumprir co seu encargo, os mesmos que Camilo Franco ten para avanzar na súa novela e os potenciais extras para convencelo de que deben aparecer nela.

O asasino ten que atopar ao político que é o seu obxetivo e o escritor tempo para avanzar na súa trama. Só no primeiro día, 30 persoas se sentaron na cadeira-confesionario do escritor, superando todas as súas previsións. Agora Camilo Franco terá que determinar que facer con tantos voluntarios para ser personaxes de novela. Cada un dos potenciais participantes nesta novela colectiva explican as razóns polas que consideran que poderían ser claves na trama e apuntan como quererían que fose o seu eu literario. Despois Franco ensambla as pezas do quebracabezas na súa historia, aínda que mentres non estea rematada (e se a algún potencial extra non é capaz de aguantar coa espera) pódense ler as biografías de todas estas personaxes na páxina do escritor.

“-Que che gustaría facer e por que?”, preguntoume o escritor. Como o equipo de Disquecool levaba todo o día a rir da miña roupa (que tiña as cores oficiais do Culturgal…), tíveno claro: “quero ser unha azafata de congresos, unha azafata do Culturgal”. Aspiro ademais así a ter un papel clave na trama xa que… a quen pode acudir un asasino en serie mellor que á azafata do Culturgal para buscar o calendario de eventos que lle dará a clave para resolver o misterio do político desaparecido?

A azafata de congresos made in Disquecool xa ten a súa ficha (buscade na web, buscade…) e a novela colectiva xa ten os seus primeiros tres capítulos. Aínda queda sitio literario dabondo para novas incorporacións, aínda que o tempo para convencer a Camilo Franco de que un é unha personaxe de novela excepcional empezou xa a súa conta atrás. Culturgal acaba hoxe ás 21.30. Apurade as últimas horas para aparecer na escea do crimen.

*Camilo Franco está no salón do Culturgal e nós no Garaxe, no G8.

Foto | Andrés Fraga

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...


Comparte en Chuza Difundir a nova en Cabozo

Sin comentarios

Deixa un comentario

— obrigatorio *

— obrigatorio *