Zocas Novas: o cow parade dos publicistas galegos

Zocas Novas

Lembras aquelas vacas decoradas das formas máis inverosímiles que percorreron as cidades europeas hai uns anos? Agora temos unha mini-versión á galega: trátase de Zocas Novas, unha iniciativa organizada por Creatividade Galega (o colectivo que reúne a profesionais da publicidade en Galicia) co humilde obxectivo de dar visibilidade a un sector, o da publicidade, no que parece que ninguén pensa.

A idea das zocas tuneadas xurdiu desa necesidade de “facer visible o sector publicitario galego”, pero non querer facer unha simple exposición sobre anuncios que “non tería ningún tirón”, asegura Chechu Pérez, presidente de Creatividade Galega. “Por iso pensamos no das zocas como algo que implicase a todo o mundo, que representase tamén dalgún modo a Galicia pero fuxindo dos tópicos da gaita e a choiva”.

Cando a luciña da idea das zocas se acendeu, xurdiu un novo problema. “Quen fai zocas en pleno século XXI?”. A resposta é Alberto Geada, un zoqueiro de Mondoñedo ao que encargaron 100 pares de zocas iguais que foron despois repartidas entre os publicistas. “A idea é que as zocas sirvan coma cebo, a xente vén a ver as zocas pero ao carón de cada par hai exposto tamén un traballo de publicidade dos responsables”, explica Chechu.

Zocas NovasA exposición aterrou a semana pasada en Vigo, a súa primeira parada en Galicia, despois de ser inaugurada en Madrid e pasar tamén por Barcelona. “Isto vai soar moi triste”, confesa Chechu, “pero pensamos que a expo tería moito menos tirón se empezaba en Galicia“. Trala estrea en Madrid, nunha galería de arte, e o seu paso polo Centro Galego de Barcelona, as zocas chegan a Galicia xa rodeadas do run-run de ter saído en medios estatais. “Así atrae a máis xente aquí, que en realidade é onde nos interesa que visiten a exposición”.

A iniciativa ten, ademais do obxectivo de “facer ver que a publicidade non é sempre un fastidio”, unha finalidade benéfica: as zocas están á venda mediante poxa, e o recadado destinarase a comprar xoguetes para nenos desfavorecidos. Como funcionan as poxas? Trátase de poxas a cegas: quen queira poxar tan só ten que escribir nun papel a cantidade que estaría disposto a pagar e os seus datos, metelo nun sobre, e introducir ese sobre na urna que espera sobre unha mesa na exposición.

Os deseños das zocas son sorprendentes e dignos de que en Disquecool esteamos a revolvernos un pouco a piques de declarar o tradicional calzado o novo must para os nosos pés. Polo ben destes últimos non o imos facer, pero si recomendamos encarecidamente a exposición e botar unha ollada non tan só ás zocas, senón tamén aos traballos publicitarios que as acompañan. A publicidade non é sempre molesta.

*Zocas Novas está en Vigo, no Colexio de Arquitectos, ata o 23 de novembro; do 24 ao 30 na Casa das Campás en Pontevedra; do 12 ao 15 de decembro no Auditorio Palacio de Congresos de Ourense e do 22 do decembro ao 4 de xaneiro en A Coruña.

Fotos | Disquecool

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *