Steve Jobs no Sálvame Deluxe

737 páxinas que se len como quen le o último best-seller do mercado e que sen embargo analizan como crear unha empresa de éxito, pifiala, ser botado e ter que voltar a ela para levantala novamente: pode ser iso o libro que tanta xente estaba agardando? Walter Isaacson é un autor de biografías de éxito, xornalista con anos e máis anos de profesión e o ‘escollido’, o escritor no que Steve Jobs confiou para escribir a súa biografía autorizada.

O resultado é ‘Steve Jobs’, unha biografía fisicamente pesada (é o que se di un tocho), cunha cuberta que recorda aos produtos Apple (moi blanco, moi sinxelo:  o propio Jobs colaborou no deseño) e que leva o camiño para ser o libro da tempada de outono-inverno. Ía chegar en novembro pero a morte do xa entón ex CEO de Apple, Steve Jobs, acelerou o proceso. O penúltimo luns de outubro saíu en Estados Unidos. O venres seguinte estaba en España: cando o Opencor o inclúe na súa mínima selección de libros á venta xa podemos asegurar que chegará non só aos fanáticos da tecnoloxía, aos fanboys e aos lectores habituais de libros sobre empresa e negocios. ‘Steve Jobs’ interesa a todos.

Aínda que o moi controlador fundador de Apple colaborou co autor nos dous anos de entrevistas e traballo no texto, o libro non sufriu censura ningunha. Steve Jobs está retratado co bo e co malo (tantas cousas…) da súa personalidade. “Fixen moitas cousas das que non estou orgulloso, como deixar embarazada á miña moza cando tiña 23 anos e como me comportei daquela, pero non teño ningún cadáver no armario que non poda saír á luz”, díxolle Jobs ao seu biógrafo.

Isaacson falou con practicamente todo o mundo que tivo relación con Jobs durante a súa vida: dende o seu super amigo business, o CEO de Oracle, Larry Ellison, ata a nena que naceu daquela relación dos 23 anos, Lisa Brennan-Jobs. O resultado do libro é, sobre todo, un compendio do que Jobs fixo no mundo dos negocios. Como montou Apple co seu amigo Steve Wozniak (que será unha das persoas que realmente che parecerán marabillosas cando acabes de ler o volumen), como o botaron, como montou Next (e lle vendeu un ordenador ao rei de España), como lanzou Pixar ao estrellato e como voltou a Apple, cando ninguén daba un peso por ela e a convertiu no xigante que hoxe é.

As leccións empresariais e o seu xenio como home de negocios quedan aínda así oscurecidos por unha personalidade á que non se pode definir nun só adxetivo. A vida persoal de Jobs non será nin un 10% puro da biografía, aínda que acaba por tocar tamén a parte business (o Lisa chamouse así por unha nena que o seu pai defendía que non era súa…) e seguramente acabe por tomar máis protagonismo para os lectores que o Jobs do mundo dos negocios.

Que Jobs tiña sido un cabrón, como se diría coloquialmente, era algo xa sabido. Que era fillo adoptivo dunha familia de clase media que non cumplía as expectativas da súa nai biolóxica, que quería uns pais universitarios para o neno que non podería criar tamén. A súa relación con ChrisAnn Brennan e coa súa filla Lisa, problemática, paradóxica, xa se coñecía. En ‘Piratas de Silicon Valley’, o telefilme (un must) que recolle como Jobs montou Apple e Bill Gates Microsoft, xa se abordaba ampliamente o tema. Lisa, agora adulta e escritora, naceu no 78, cando Jobs empezaba a ser rico e poderoso, aínda que non chegaba aos 25 e non era moi boa persona. Negou a súa relación coa súa existencia e Brennan tivo que recurrir aos subsidios do estado de California para criar á súa filla. Foron os servicios sociais os que presentaron unha demanda de paternidade contra Jobs, que resultou a favor deles (Jobs tivo que devolver os cartos que California gastara en axudas!) e Lisa entrou definitivamente na súa vida. Estes datos son da biografía de Isaacson, aínda que moitos detalles da súa problemática relación xa chegaran ao gran público coa novela da irmá de Jobs, Mona Simpson, ‘A regular guy’.

O libro tamén recolle moitos outros detalles da súa vida personal que farán que moitos sacudan a cabeza (e den graciñas ao ceo por non ser fillo de Jobs) e que son material de película exitosa (e si, Sony xa mercou os dereitos da biografía). Jobs cumpre todos os tópicos dos xenios: un brillante visionario dos negocios pero un tipo terrible. A súa filla Erin, por exemplo, parece Cincenta, aínda que ela lle deixe claro ao biógrafo que non se sinte agraviada e que comprende as múltiples responsabilidades do seu pai. O momento no que o pai lle ensina os planos dos futuros cuarteis xenerais de Apple ao fillo, Reed (o favorito), e non á filla mediana, que vai para arquitecta, entra directamente no top ten de historias de fillos non demasiado valorados polos pais. A diferencia de trato que recibe o único fillo varón en relación coas súas irmás e medio irmá é tan abrumadora tras a lectura que non é de extrañar que a xornalista de El País lle pregunte a Isaacson nunha breve entrevista se non sería un misóxino Steve Jobs. Isaacson di que non.

Jobs foi un home difícil, que fixo por exemplo de mercar os electrodomésticos da súa casa unha tarefa endemoniada (mercounos en Alemaña porque os electrodomésticos europeos parécenlle mellores que os de EEUU) e que pouco antes de casar coa súa muller Laurene seguía pensando en facelo coa súa anterior moza. A biografía, incriblemente sincera, é un libro clave para saber como se montou Apple e como unha empresa que estaba na UCI acabou competindo semana si e semana tamén por ser a firma de maior capitalización bursátil do mundo. Pero será esa personalidade complexa, eses titulares sobre os seus hábitos alimenticios (si, podía alimentarse só de mazás) e esa vontade para negar o que sucedía que ás veces lle saía tan ben (os seus empleados en Apple acuñaron o término campo de distorsión da realidade: Jobs podía facer que algo tecnicamente imposible parecese sinxelo e que os seus traballadores o desenvolvesen) pero que nalgúns momentos clave conduciuno á ruina (como cando intentou autoconvencerse de que non tiña cáncer e desbotou a ciencia polas terapias naturais –  e suicidas, podíase engadir – que defendía, como acabar co cáncer cunha dieta específica), o que acabe por calar no imaxinario sobre o home que levantou Apple.

A conclusión: unha lectura moi recomendable sobre un home que choraba por nada e que podía ser tan cruel que os seus empleados vivían en situacións de máximo estrés… e unha das súas mozas chegou a conclusión de que non podería vivir así para sempre.

*Steve Jobs está en inglés (pedídello a Amazon ou Barnes&Noble), en castelán en Debate e en catalán (se o preferides) en Flor del Vens. Non parece que vaia chegar en galego.

Fotos | katerha |Editorial Debate

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *