Björk vén a Galicia: como se vestirá?

A nova percorreu a rede coma a pólvora esta mesma mañá: a princesa islandesa do pop, a incomparable e excéntrica Björk, tocará en Compostela o vindeiro 22 de xuño. Sabemos onde terá lugar o concerto, na Cidade da Cultura, o que non saberemos ata que a vexamos será o seu atavío. Porque si, aínda que nos últimos tempos sexa Lady Gaga quen leve toda a atención con respecto a vestidos orixinais, a raíña do vestiario é Björk.

Que escollerá para o seu concerto en Compostela? Tirará da tradición galega coma inspiración (a nosa mente xa está a imaxinar cousas estrañas como un traxe con motivos do camiño -con vieiras!-, un vestido de polbo á galega ou un disfraz de hórreo ou eucalipto)? Temos moitos meses para pensar os nosos deseños, e para non esquecer que o único límite é o da nosa imaxinación aquí van os nosos cinco vestidos preferidos de Björk:

5. Festival de Coachella, 2007.

Bjork no Coachella Festival en 2007

Foto | thetripwirenyc

Björk saíu ao escenario con este bonito conxunto de corsé con estrutura ósea (os ósos son fosforescentes, como se pode ver neste vídeo), xunto con saia de hawaiana. Todo ía combinado co sombreiro do cuarto posto (utilizouno con distintos modelos).

4. Reykjavik, 2008.

Bjork en Reykjavik en 2008

Foto | Bruce McAdam

É ou non é fantástica? A Björk parece gustarlle levar cousas brandiñas na cabeza, como veremos máis adiante. Aquí parece seguir o “estilo piñata”. Os trozos de tela que saen do sombreiro chegan ata o chan e se confunden co vestido. Todo moi estraño (máis detalles neste vídeo).

3. Festival Fuji Rock, 2003.

Un dos nosos preferidos: o vestido é máis ou menos normal (lembrade que estamos a falar de Björk), o fantástico é unha vez máis o accesorio na cabeza. Non sabemos se o obxectivo é convertirse en flor ou en paxaro, pero sen dúbida algo moi próximo á natureza. Algo que, veremos, tamén lle encanta.

2. Hammersmith Apolo (Londres), 2003.

Que leva desta vez na cabeza? Pompóns! O deseño de Soren Bach parece perfecto para días fríos e para protexer a nosa testa de golpes e accidentes. Todo é moito máis fácil cando levas a cabeza recuberta en pompóns. E máis brandiño e suave tamén. (O vídeo non é de moi boa calidade, pero podedes ver fotos nesta fotogalería).

1. Cerimonia dos Oscar, 2001.

Como non, o atavío estrela de Björk, o que ten inspirado moitos disfraces e ocupado horas de tertulias de expertos en moda: o cisne! O mellor de todo é que parece realmente suave, como se pode apreciar neste vídeo no que a islandesa acaricia a saia como se fose un animaliño de verdade.

Shares

5 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *