Bonecas Blythe: de fracaso comercial a obxecto artístico

Una boneca Blythe customizada por Nenya Dolls

Boneca customizada por Nenya Dolls que pode verse na mostra

Pola súa desproporcionada cabeza e os seus grandes ollos, capaces de pecharse e cambiar de cor e posición, recoñecerás ás Blythe. Estas bonecas, nadas en 1972 en EE.UU., foron entón un completo fracaso. Hoxe son obxecto de devoción para coleccionistas de todo o mundo e musas para toda una nova xeración de artistas que as customizan e moldean ata facer delas una auténtica escultura. Ata xuño de 2012 O Gato Cósmico acolle o proxecto expositivo ‘Blythe, un novo imaxinario artístico’,  que permite dar a coñecer por primeira vez en Santiago o universo artístico que se crea arredor desta boneca, que deixou de destinarse a un público infantil para pasar a ocupar un lugar privilexiado nos museos e os andeis dos seus coleccionistas.

Clara Rodríguez Cordeiro é coleccionista das Blythe e comisaria desta iniciativa. “Para min é parte da miña colección artística máis ampla, gústame ter unha peza polo menos de cada un dos artistas que me gustan”, afirma. ‘Blythe, un novo imaxinario artístico’ é en palabras da súa responsable, que xa abordou este universo creativo en 2008 nunha exposición no MACUF,  “unha exposición colectiva, pero no tempo, de modo que teremos unha visión completa cando remate o proxecto”. Así, cada mes novos artistas amosarán nos espazos de O Gato Cósmico as súas obras en torno a estas bonecas en forma de customizacións, fotografías, esculturas ou ilustracións.

Un pouco de historia
A Blythe creouse en 1972 en EE.UU., inspirada pola obra da pintora norteamericana Margaret Keane, importante referente de movementos artísticos como o Big-Eyed Art e o Surrealimso Pop. A desproporcional cabeza desta boneca é entendida na actualidade como a primacía da intelixencia sobre a aparencia física, como un refuxio de resistencia ante os estereotipados canons estéticos e sociais que a famosa Barbie, coa que se viu obrigada a competir, representaba.

Segundo nos explica a comisaria desta mostra, a boneca, inicialmente destinada a nenas, incorporaba como novidade  uns enormes e redondos ollos capaces de pecharse e cambiar de cor (verdes, laranxas, azuis e rosas nos modelos comúns) e posición. Este orixinal mecanismo dise que conseguiu infundir máis temor aos menores que fascinación, e que por iso a súa saída ao mercado supuxo un estrepitoso fracaso. Outra das teorías é que algúns pais asociaban o estraño cambio e colorido acedo e brillante dos seus ollos aos efectos causados polo consumo de drogas e á estética da arte psicodélica, nun momento de tanta confusión respecto estas cuestións como foron os anos 70. Sexa como fose, as Blythe producíronse durante apenas un ano, para despois sumirse nos esquecemento durante 28.

A sorte destas bonecas cambiou completamente a finais da década dos 90, cando a fotógrafa norteamericana Gina Garan, fascinada pola súa peculiar beleza, as converteu en modelo base das súas fotografías, e co tempo no centro da súa produción artística. En 2001 o rexurdir das Blythe leva a unha empresa xaponesa a volver a fabricalas, desta vez destinadas a un público adulto e coleccionista.

Arte e customización
O corpo de plástico de escasos 30 centímetros das Blythe converteuse en soporte artístico e en inspiración para múltiples creadores contemporáneos. Laura Pérez Muñiz, responsable de Nenya Dolls é un exemplo. Nada en Santa Cruz de Tenerife pero residente en Galicia, de onde provén a súa familia, esta bióloga molecular descubriu en 2009 estas bonecas, que tras algúns meses de experimentación comezou a customizar nos seus tempos libres.

Segundo explica, gústalle darlles unha aparencia “natural”, de “nenas doces”. Para proceder á customización, primeiro desmonta completamente

Ilustración de Iria Aldrey

Ilustración de Iria Aldrey tamén exposta en O Gato Cósmico

a boneca e a lima, para retirar toda a maquillaxe. “Despois fago un carving, é dicir, cun pulidor alísolle o nariz, fago os buraquiños, e despois fago a boquiña e o queixo. Cando está todo listo doulle un bo lixado e maquillo”, detalla a artista. Outra opción é modificar o mecanismo dos ollos “para que mire máis cara arriba, que abra máis a pálpebra, ou que poida manter os ollos pechados para que se lle vexa a maquillaxe da pálpebra”. A continuación hai que vestilas. “Hai unha industria detrás da roupa das Blythe enorme, podes atopar de todo e cosela como che guste para as túas”, afirma Laura. A roupa da boneca que expón en O Gato Cósmica está feita por unha rapaza que se fai chamar Blythe Dreams. “Fíxoa para min, gustoume moito porque vai moi ben coa súa cariña, dálle ese xogo de nena boa que se porta moi ben e saca todo 10 no cole”.

Nenya Dolls traballa tanto por encargo como en proxectos propios. “Cando me apetece collo unha boneca que está en stock, customízoa, e se despois alguén quere adoptala pois a adopta. Outras veces a xente mándame a súa boneca e dime o que quere”. En canto aos prezos “hai de todo, eu cobro de 130 a 180 euros por traballo, e en canto a venda directamente da boneca feita desde 200 ata 400 ou 500, pero depende moito do traballo que se teña feito e do valor da boneca en stock“, afirma Laura. As que poden verse na mostra teñen un prezo de 460 euros (a grande), e 40 (a versión en miniatura).

Para Laura Pérez en Galicia hai moita xente interesada neste universo Blythe. “Xuntámonos nun grupo de Flickr e quedados normalmente unha vez ao mes para comer, sacar as bonecas e facerlles catro fotos”. Bonecaz e Galicia Wonderland son os espazos na rede nos que se relacionan e intercambian fotografías e información sobre as súas últimas creacións e adquisicións.

Fotos | ‘Blythe, un novo imaxinario artístico’

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *