27 tapas

O xa tradicional concurso de tapas do Casco Vello de Vigo comezou o pasado venres.  Trátase da sexta edición desta iniciativa que eu sempre recibo cos brazos máis que abertos, e onde 27 locais do Casco Vello nos ofrecen 27 tapas diferentes a 1’50 euros cada unha (fronte aos prezos dispares de edicións anteriores).

A acollida foi espectacular. Se o ano pasado 15000 persoas pasáronse a probar as tapas, estou bastante segura de que este ano serán aínda máis.  Este verán eterno no que andamos instalados anima a saír á rúa, e tanto a fin de semana como o pasado martes véspera de festivo, os locais estaban repletos de xente preguntando polas tapas. Quizais incluso demasiado repletos, porque era difícil facerse cun panfletiño coa información ou esperar menos de 10 minutos por unha tapa. Creo que entre semana o gozaredes máis.

A calidade das tapas é desigual. Así como algunhas destacan pola súa creatividade posmoderna, outras parecen ideadas ao correr cos ingredientes máis a mano (sexan ou non naturais). Pero non nos poremos exquisitos, porque en xeral son orixinais, ricas, contundentes e unha forma ben divertida de cear no Casco Vello.

Eu aínda non probei todas (temos ata o 29 de outubro para iso), pero oín por aí que as zamburiñas xenovesas e o alboroto de sabores están para chupar os dedos. Se queremos sobremesa, temos ata un par de tapas doces, coma o postre Oreo ou as tradicionais borrachiñas de pan.

Se teño que criticar algo, direi que non acaba de convencerme a innovación deste ano. Nas pasadas edicións, ti recibías un papeliño con X ocos (segundo o número de participantes) e por cada tapa que tomabas selabas unha das casiñas. Ti sentías, así, que tiñas unha misión: completar o concurso de tapas para poder participar no sorteo.

Desta ocasión tamén hai sorteo, pero non hai obxectivo impreso. En cada bar recibes (se non se esgotaron) un papeliño que te permite votar e participar no sorteo  de tres cheques-compra de 200 euros e 50 bolsas de tela vigovello. Iso é ir ao fácil!

Pero o importante son as tapas, claro. Eu penso probar as 27!

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *