Viva Las Vegas!

Posiblemente todos os tópicos que creaches na túa mente ou aprendiches gracias ás películas e á televisión se queden curtos: Las Vegas é incluso máis rara do que te poidas imaxinar. A cidade máis exótica do mundo non está nos trópicos, nin no medio dunha selva, nin alá onde sempre é de noite: o lugar máis raro e estrambótico do mundo está no medio do deserto, chea de xardíns (e fontes e estanques e verde e máis verde) a pesar da seca abafante e cun culto tal ao neón que xa acabou con categoría de museo.

A primeira sorpresa que che pode deparar Las Vegas é a razón pola que poderías acabar alí. Traballo. A cidade é un dos principais destinos de turismo de negocios de todo Estados Unidos. A súa capacidade hoteleira faraónica é estupenda para esas macroconvencións de multinacionais nas que directivos de medio mundo e executivos medios mal ou demasiado ben vestidos (o abanico vai dende a directiva mega top cuns moi envexables Louboutin ata o executivo que leva unha arrepiante riñonera e unha mestura estraña de camiseta, pantalóns de pinzas e eses zapatos que ninguén ten moi claro se o son ou se son zapatillas) percorren corredores enmoquetados con acreditacións e merchandising corporativo ao lombo cruzándose con outros executivos e directivos doutra empresa concentrada no mesmo hotel.

A segunda sorpresa será o seu aeroporto, o primeiro que se ve ao chegar a Las Vegas. A pista de aterraxe está tan preto da cidade que poderás ver o skyline (e a rúa principal por completo) mentres tomas terra (si, é moi emocionante, aínda que chegues dende Europa cun desfase horario interesante e un cansanzo mortal tras unhas quince horas de voo). Da próxima novidade, se ninguén che avisa antes o impacto será brutal. Non están nos fingers porque aínda non se lles ocorreu: O aeroporto internacional McCarran está cheo de máquinas tragaperras, para que podas xogar dende o minuto -1 da túa estadía en Las Vegas. Aquí, onde todo bar que se prece ten unha máquina tronando nun recuncho, isto pode parecernos un sen sentido, pero en Estados Unidos, onde o xogo está tan prohibido en xeral que as casas de póker online teñen problemas, xogar en lugares como Las Vegas é a única oportunidade de tentar á deusa Fortuna. De aí, que os que chegan á cidade estean coma tolos agardando tentar conseguir os tres limóns en raia.

A cidade era hai uns cen anos un burato no medio da nada. No século XIX a zona empezou a recibir aos mineiros que buscaban prata e alí empezou o seu apoxeo, como lugar de posta. Co século XX chegou o xogo. Nos fabulosos 20 e nos 30, a cidade xa era un antro de vodas rápidas, divorcios aínda máis rápidos, prostitución legalizada, xogo, boxeo e gánsters, pero no foi ata os 50 cando a cidade se converteu no macro destino que agora e sobre todo entón era. Os mafiosos construíron macro complexos hoteleiros (e algún empresario non mafioso, claro) nos que se podía xogar todo o día, pecar ata que se poñía o sol e ata que volvía a saír e vivir desenfrenadamente. Preto de Las Vegas realizábanse os ensaios con bombas atómicas, que se converteu nun reclamo turístico máis e nun novo dinamizador da zona.

A cousa decaeu un pouco nas décadas posteriores, pero a finais dos 80 e nos 90 os grandes xigantes da industria hoteleira construíron na Strip, a avenida principal (e moitas veces tirando os edificios históricos do pasado turístico da cidade), macro hoteis – casinos – centros comerciais que competían uns cos outros co máis caro, o máis xigantesco e o máis impactante. A zona histórica onde arrancou todo (a Freemont Street) foi deixada lonxe da avenida e esquecida. Agora estana a recuperar, aínda que non todos os turistas suben ata alá. Hai que coller un bus urbano pero a experiencia paga a pena. Na Freemont Street están todos eses símbolos da cidade que se ven nas películas (como o vaqueiro de neón), aínda se pode xogar nas máquinas con moedas (finiquitadas na Strip) e levar as ganancias nun vaso xigante de cartón. Todo é un pouco máis cutre e menos abrumador que a Strip, pero a esencia da cidade está neses recunchos retro.

Agora Las Vegas é un destino lixeiramente abrumador e altamente recomendable. Nunca veredes tal cousa. Os casinos son hoteis xigantescos nos que todo está impoluto (ir aos baños públicos dá gusto) e nos que unha pseudo praza chea de máquinas tragaperras acaba levándote a unha rúa pechada dun centro comercial no que non poderás mercar nada porque nada estará ao teu alcance.

Aloxarse en Las Vegas é relativamente barato. Os hoteis son bastante luxosos pero teñen un prezo bastante discreto. Polo que pagarías nun hotel infecto en Londres, aquí tes unha minisuite. En restauración tamén hai múltiples ofertas que che permiten alimentarte por non moitos cartos, pero aínda así Las Vegas non che dará a sensación de ser un destino low cost.

Unha vai con esa idea preconcibida e queda sen palabras ao ver que todas as tendas son desas que se agrupan en rúas hiper VIP. Carolina Herrera deixa paso a Gucci que á súa vez faille un oquiño a Marni. E non pensedes que hai un establecemento de cada unha desas marcas en toda a cidade. Non. Todos os hoteis teñen zonas de tendas e case todas esas zonas de tendas teñen marcas mega exclusivas.

O máis recomendable en Las Vegas é pasear e deixarse impactar por todo o que se ve. Familias con nenos nun destino tan pouco familiar, persoas repartindo publicidade de servizos de prostitución que che mandan girls, girls, girls á túa habitación (e si, a prostitución está agora taxantemente prohibida…) e auténticas armadas de traballadores de hotel que manteñen un mundo de cartón pedra no estado máis impecable que vos podades imaxinar.

A cidade que nunca dorme efectivamente xamais fai tal: podes baixar legañenta ás catro da mañá para coller o teu avión e atoparás rapazas descalzas cos tacóns na man volvendo de troula, velliñas en mini motos indo a apostar e xente comendo un filete mignon no bistrot confusamente francés da esquina.

*Se decidides ir e queredes ver o mellor, mañá publicaremos os dez lugares a visitar da cidade do pecado

Fotos | http2007 | Disquecool

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *