Agricultura para urbanitas

“Ti sabías que os cacahuetes crecen no chan? -pregunta Teresa González mentres remexe a man na terra para mostrarme a proba empírica- os cacahuetes son a gran atracción desta horta, porque moita xente pensaba que nacían nas árbores!”

Teresa é profesora dun curso de hortas urbanas (que rematou este mes) na Casa da Xuventude de Vigo. Alí mesmo, aproveitando o limitado espazo de xardín, montouse unha pequena leira onde os alumnos cultivan leitugas, ravos, millo corvo, espinacas, herbas aromáticas coma o tomiño ou o ourego e ata edulcorantes como a estevia (mordín unha das follas para podervos dar fe de que é doce coma o azucre). E é que nunha horta urbana o ideal e intercalar distintos tipos de cultivos, recuperando tamén antigos cultivos e diversas variedades.

Tipos de hortas urbanas hai moitas, e é algo que cada vez está máis de moda, probablemente debido á nostalxia urbanita da vida de aldea, pero tamén como consecuencia dunha maior conciencia sobre o que estamos a comer. En algunhas cidades, o propio concello realiza unha convocatoria para ceder un anaco de terra (30 ou 40 metros cadrados) por un período determinado de tempo. Ademais, ofrecen asesoramiento e sementes para cultivar. É o caso das hortas de Belvís en Santiago de Compostela ou nas beiras do río Rato en Lugo.

Outro tipo de horta é a educativa, coma a da Casa da Xuventude, ou como un programa de hortas urbanas en escolas, que estivo en marcha uns cantos anos e que foi un enorme éxito, porque os nenos, ademais, ao recoller eles mesmos as verduras, eran máis proclives a probalas. No caso da Casa da Xuventude, ao propio traballo na horta, sumouselle nocións teóricas de agricultura ecolóxica ou obradoiros sobre como aproveitar os vexetais ou incluso como fabricar pasta de dentes con salvia ou emplastos para os musculos coas raices da consuelda.

Por último están as hortas urbanas privadas, tanto de xente que busca unha finca ou un terreo aproveitable no medio da cidade, coma os que se conforman con plantar alimentos no patio ou na azotea.

En canto as vantaxes, Teresa teno claro: “Todas! Pero o maior beneficio, é a propia sensación de comer algo que cultivaches ti mesmo, é unha sensación fermosa, moi de pel, moi natural, de entrar en contacto coa natureza. Ao vivir na cidade perdimos a cultura rural dos nosos avós, pero o ecolóxico non inventou nada, é recuperar á forma tradicional de facer as cousas. E todo o que o proba, repite.

E nesta horta educativa temos ademais a vantaxe de promoción entre a xente do barrio e a actividade social, porque “a relación que se crea entre a xente cando está a traballar xunta de forma manual é moi especial“. De feito, entre varios alumnos do curso organizáronse para buscar unha finca en Navia (Vigo) onde montar unha horta urbana que coidar por quedas.

Unha desas alumnas é Begoña Vila, a quen unha amiga comentoulle que en Navia había un montón de terras sen traballar: “estamos falando coa xente da parroquia para intentar que nos cedan un terreo a cambio de manterllo limpo“. Ela confesa que sempre quixo ter unha horta: “a quen non lle gustan as cousas ricas?”.

Entre as motivacións para aprender sobre hortas urbanas apunta varias: certas inquedanzas ecoloxistas, contacto coa natureza, saber o que estás a comer, e un pelín de vergoña por non saber coma sementar as patacas ou os calabacíns tras pasar veráns na aldea.

Para os que queirades probar no balcón e non confiedes moito nas vosas habilidades, que saibades que algunhas hortalizas fáciles de cultivar son as leitugas e os ravos. Non fai falla moito espazo, os pimentos ou as plantas aromáticas, por exemplo, se dan moi ben en testo. O que si hai que buscar antes de comenzar é o tipo de cultivo adecuado para cada espazo, segundo as horas de sol que reciba ao día o teu balcón.

“Sería posible que todos os edificios, nas terrazas,  montasen unha horta urbana, incluso con espazo de compostaxe para os nosos residuos orgánicos. É posible, aínda que en segundo que círculos aínda lles dea a risa ao oílo”, explica Teresa. Sen dúbida, iso ocorre en círculos cada día máis pequenos.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *