O Planeta dos Simios (2011-1968)

‘A Orixe do Planeta dos Simios’ (Rupert Wyatt, 2011) ten un parentesco non moi doado coa película que deu nome e sona a esta saga en 1968. É a precuela, escrita a posteriori, do remake da orixinal (arredemo!). Este fenómeno fainos pensar que existe unha especie de franquicia dos Simios, unha franquicia que ‘garante que imos ver unha boa película’. Pero por outra banda, tamén é imposible escapar das evidentes comparacións coa cinta nai.

A Orixe do Planeta dos Simios

Eu non son público fácil para Rupert Wyatt, porque son fan da película orixinal, a de Charlton Heston, e por moito que tente non podo evitar relacionalas. Malia todo acudo moi ilusionado ao cine, a ver como inventan o principio da civilización dos Simios, e quedo completamente satisfeito coa explicación científica creada: é ciencia ficción pura, ciencia ficción da boa. Sempre hai empatía cando che explican o proceso para chegares a algo que xa coñeces, ou cando notas que te chiscan un ollo como dicindo complicemente “sabes por que pasa isto non?”. Iso sempre funciona.

O Planeta dos Simios

Pero despois chegan as comparacións, e isto fainos ver como cambiou o cinema. Hai trinta anos os simios estaban feitos con actores disfrazados e maquillados que camiñaban un pouco raro. De todos xeitos eran ‘reais’, estaban no escenario, trabucábanse, e mesmo había que repetir tomas. Os monos feitos por ordenador non funcionan igual. Teñen movementos perfectos, espectaculares, pero hai algo no ordenador que os fai máis de mentira. As novas tecnoloxías dan a posibilidade de facer todo o que queiras, e se cadra ese é o problema de películas coma esta. No cinema clásico as producións non tiñan medios para reproducir ou ensinar todo o que querían, non había tantos efectos especiais e os cineastas tiñan que suxerir cousas que non podían amosar. O que conseguían con esa limitación era que o espectador completase o que faltaba, que o imaxinase na súa cabeza, pura Gestalt. A imaxinación pode crear imaxes (en realidade ideas) moito máis incribles e espectaculares que a cámara ou o ordenador, e ademais dun xeito subxectivo, personalizado. Ese exercicio de completar involucra ao espectador facéndoo partícipe da película. Non hai que amosalo todo, non hai que contalo todo; esa é a maxia das historias.

* Esta sección faise coa colaboración dos Multicines Compostela. Podes consultar a ficha e o trailer desta película na súa web.

Fotos | A Orixe do Planeta dos Simios, O Planeta dos Simios

 

 

 

 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *