Apple e as ausencias: o que non vimos

AppleOnte era un día marcado en vermello nas axendas de moitos fanboys e fangirls: Apple tiña a súa keynote e, tras meses de rumores, parecía que a longa espera para o novo iPhone por fin ía rematar. Porque é así, sabiamos que chegaba iOS 5 e iso significara sempre un iPhone co mesmo número. Todo ía ser un pouco diferente (e un pouco peor), con iso tamén contabamos, porque sería a primeira keynote na que Steve Jobs non era o xefe. Pero, quen máis, quen menos, todos confiabamos na maxia de Apple.

O de hoxe tería sido un post debullando os grandes anuncios do evento, os novos produtos cos que, unha vez máis, Apple tería deixado a todo o mundo coa boca aberta. A keynote resultou decepcionante, pero non por iso imos escribir algo ao seu nivel. Esta é a lista do que esperabamos ver e non vimos. As catro ausencias da keynote de Apple:

1. iPhone 5. Principalmente e por encima de todo: non se pode anunciar un evento coa frase misteriosa de “Let’s talk iPhone” e deixar a todo o mundo coas ganas. Si, houbo un novo iPhone, o iPhone 4S, pero non era iso o que se esperaba. E si, xa moitos rumores alertaran da posibilidade de que algo así acontecese, pero nese caso o iPhone 4S sería lanzado de forma inmediata e o iPhone 5 antes de finais de ano. A realidade é moito máis negra: o iPhone 4S non chegará ata decembro. Do iPhone 5 non se sabe nada.

2. Steve Jobs. Xa non é o CEO, iso todos o sabemos, e se un workoholic coma el tomou esa decisión é porque a súa saúde ten que estar nun momento extremadamente delicado. Pero no fondo todos esperabamos que non fose certo, estabamos seguros de que en calquera momento aparecería por unha esquina do escenario cos seus vaqueiros e o seu xersei negro. E, se non estaba presente, sabiamos que polo menos faría algunha conexión por videoconferencia, ou polo menos enviaría unha mensaxe gravada en vídeo. Pero non foi así. Tim Cook non foi substituído por Steve Jobs en ningún momento e é inevitable sentirse un pouco orfo. Tim Cook non transmite a maxia que transmitía Jobs.

3. iPad 3. Vale, xa había tempo que nin os rumores máis temerarios aseguraban que o iPad 3 vería a luz tan cedo, pero conforme a keynote avanzaba e os grandes anuncios non chegaban, seguro que moitos chegaron a sospeitar que quizais ao final si habería sorpresa. Apple sempre sorprende, non? Chegaría a nova versión do rei dos tablets con melloras que ata entón ninguén se atrevera a imaxinar. Unha vez máis, quedamos coas ganas.

4. “One more thing”. Quizais sexa esta ausencia a que mellor represente o estado de ánimo no que todos os fanboys e fangirls (e xornalistas e interesados no mundo tech en xeral) seguiron a keynote en directo. Unha presentación de media hora con estadísticas baleiras, unha recapitulación de todo o que xa se anunciara na conferencia do do mes de xuño. Tiña que haber algo máis. Unha renovación dos iPods. Non é suficiente, ten que haber algo máis. Un novo iPhone que non é máis que unha pequena mellora do anterior. En todo momento os espectadores (e Twitter) esperaban que chegase o alivio, o “one more thing” que lle dá a volta a todo o mundo da tecnoloxía unha vez máis, ese “non creríades de verdade que isto era todo, non?”. Sería Steve Jobs, claro, sairía ao escenario e diría a súa famosa frase. Pero quen volveu foi Tim Cook e tan só para despedirse.

É a maxia de Apple cousa do pasado?

Foto | Antonio Fucito

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *