Letras, Slide — 03/10/2011 9:00

Contoplanet, a reinvención dos libros para nenos

Escrito por

Pantallazo de Contoplanet, app de contos infantísÉrase unha vez un can verde e unha cebra de mil raias que se uniron para levar os contos máis fermosos aos nenos e nenas que cando teñen ocasión secuestran os iphone e os ipad de papá e mamá. O invento deuse en chamar ‘Contoplanet’, “o lugar onde os contos queren estar”, unha app que leva a literatura infantil aos novos dispositivos para que os máis pequenos poidan seguir soñando tamén no universo dixital.

O can de estraña cor é en realidade a produtora galega Perro Verde films e a cebra a axencia de deseño e comunicación Milrayas, con sede en Madrid. Xuntos puxeron en marcha este proxecto, que segundo explican na súa web “converte cada historia nunha experiencia emocional, intuitiva e amable”.

A aplicación é de descarga gratuíta, e unha vez dentro atoparás uns andeis con varios títulos, cinco da colección Árbore de Galaxia (‘Conto para non comer’, de Oli; ‘Quen son?’, de Alicia Borrás; ‘Puag, que noxo!’ e ‘¡Un can no piso!’, de Fina Casalderrey; e ‘Voces na Lagoa do Espantallo’, de Xan López Domínguez), e un da editorial Pearson (‘Teño unha boneca vestida de azul’, de Montserrat del Amo). Un dos títulos é gratuíto, mentres que o resto teñen un prezo de 2,99€.

A app vai máis alá da mera dixitalización dos contos, xa que engade elementos de personalización e de interacción. Así, as historias están narradas e dispoñen de zonas táctiles e efectos de son e animación. Pero o que realmente diferencia a esta aplicación doutras é que todos os libros están dispoñibles en castelán, galego e inglés, ofrecendo ademais a posibilidade de activar e desactivar o texto ou a narración, e incluso seleccionar o texto nunha lingua e a narración noutra.

Outro punto forte é a posibilidade de substituír a voz do narrador pola nosa propia, dedicar o conto a alguén, e mesmo cambiar a historia ao noso gusto ocultando os textos e inventando un novo conto a través da nosa narración.

Fotos | Andrés Fraga

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...


Comparte en Chuza Difundir a nova en Cabozo

Deixa un comentario

— obrigatorio *

— obrigatorio *