O rugby coma paixón

Nesta fin de semana xogouse un dos primeiros partidos en división de honra do Iveco Universidade de Vigo. Isto que pode non parecer moi cool para os que pasamos dos deportes, é  máis ben todo o contrario. Os que botan de menos o romanticismo poden atopar neste equipo de rugby un dos seus últimos exemplos.

Non imos falar do resultado, nin imos falar de deporte profesional. Do que si imos falar  é da actividade deportiva como épica. Por que? Porque O Iveco Universidade de Vigo cumpre o soño americano: comezar da nada e chegar o máis alto. Neste caso, un grupo de amigos que decidiron dar renda solta a súa paixón polo rugby, lograron, pasiño a pasiño, e loitando contra a falta de medios, pasar da categoría máis baixa ao que é hoxe o orgullo da cidade: o equipo en división de honra.

Polo medio quedaron os traslados dos palos da portería en coches desartellados, tratando de non ser atisbados pola guardia civil, as penurias buscando patrocinadores, as horas de adestramento que seguían a esgotadoras xornadas laborais (que é o que ten non vivir do que che gusta).

E por se todo isto fose pouco, a recente historia do equipo parece sacada dunha novela: un hippie ex All Black (o equipo nacional neozelandés e exemplo por excelencia do que é bo rugby), que, tras selo todo no deporte profesional, atopa de novo, adestrando en Vigo, a verdadeira alma do rugby -que pouco ten que ver (segundo el) coa fama e os excesos dun equipo profesional nun país onde o rugby é como aquí o fútbol-. Outros xogadores neozelandeses que mandan o curriculum para poder seguir xogando ao que aman, pero neste caso, na terra dos seus tataravós. A sorpresa destes mesmos xogadores ao chegar a un equipo onde hai moita paixón e moita tesón, pero carecese das técnicas (para eles) máis elementais. Outro xogador máis que, tras retirarse, volve soamente para poder sentir o alento dos compañeiros en cada partido.

Para todos eles o rugby é moito máis que un deporte, e por iso nos gustan. Estabas ti o pasado domingo no CUVI? Se o perdeches, podes asistir este domingo 2 de outubro, ás 12:00, ao partido contra o UE Santboiana Seat. Sorprenderaste do ambientazo que hai.

E se queres indagar máis sobre este equipo de rugby tan romántico, bótalle un ollo a esta reportaxe de Informe Robinson.

Foto | Patricia Diez Cabaleiro

Shares

Etiquetas

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *