Garrick: a risa coma terapia


‘Garrick’ é o último espectáculo de Tricicle
, que están estes días a representar en Galicia, e onde repasan algúns dos 400 (aproximadamente) tipos de humor debidamente codificados polos científicos. É que con este show, non so fan rir, senón que tamén pretenden explicarnos os beneficios da risa.

Así, ilustran diferentes mecanismos para lograr gargalladas con sketchs variados onde aproveitan o mecanismo en cuestión para construír un gag cada 10 segundos.  O meu tipo de humor favorito? O humor arrepiante. Pero tamén podemos gozar do “mundo ao revés”, do humor “absurdo”, do humor “da dor” ou do humor “a costa do pesado”. Nesta “conferencia humorística” incluso inclúen unha documental onde os tres membros de Tricicle disfrazados de adorables neuronas exemplifican o que ocorre no cerebro cando rimos e nos preparan para o que temos por diante: unha explosión constante de endorfinas.

O certo é que non hai mais que mirar para as caras da xente cando termina o espectáculo: lixeiras, ledas, satisfeitas. O obxectivo de ‘Garrick’ está cumprido: a risa coma terapia máis potente que o prozac. Porque o nome Garrick é unha homenaxe a un cómico inglés do século XVIII que era receitado polos médicos para curar calquera pena da alma.

Tricicle decláranse os seus humildes seguidores, e a través do seu humor xestual cotián, que saca partido de situacións que todos coñecemos pero cun punto absurdo, conseguen facer rir a todo o mundo. E cando digo todo, e todo, porque poucas veces teño visto un público tan diverso e que todo acabe igual de riseiro. É o bo de sacar partido dos sentimentos positivos. Se o fas correctamente, sempre se che agradece.

Ao finalizar ‘Garrick’ (que resulta algo breve: pouco máis dunha hora), e con motivo do seu 30+1 aniversario, Tricicle repasaron algúns dos seus gags máis famosos, acabando co xa mítico “Soy un truhán, soy un señor”, antes de correr a saída para, como ven sendo habitual, estreitar as mans de todos os que abandonabamos o teatro do centro cultural Novacaixagalicia.

Esta semana, ‘Garrick’ representarase o martes e o mércores en Pontevedra, e a fin de semana en A Coruña. Eu recoméndovolo encarecidamente. Non esquezamos que acabar con dor de mandíbulas é bo para a saúde!

Fotos | Tricicle

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *