Posy Simmonds: novela gráfica folletinesca


Os dous libros de Posy Simmonds publicados en castelán  teñen moitos puntos en común. O máis destacado, quizais, é que se publicaron primeiro por entregas no xornal The Guardian, a modo dos folletíns do século XIX. Coma eles, tamén están protagonizados por unha heroína maldita, á que non sabemos moi ben se terlle simpatía ou celebrar as súas desgracias por boba. Coma moitos deles, están percorridos por unha ironía aceda que ridiculiza á burguesía do momento.

Tamén hai moitas diferencias, claro, xa que se trata de dúas novelas gráficas profundamente actuais. A primeira en publicarse (1999) foi ‘Gemma Bovery‘, que nos narra o traslado a provincias (francesas) dun matrimonio inglés: os Bovery. O aburrimento pronto se instala na muller, que comeza a pintarse, adelgaza uns cantos kilos e saca partido ás melloras enganando ao marido. Todo iso é observado minuciosamente por un vecino voyeur e, en parte, narrador.

A outra novela gráfica, ‘Tamara Drewe’ (2007), percorre  de novo temas coma a tediosa vida de aldea, o voyeurismo veciñal, o físico da muller como fonte de inseguridades, ou a literatura coma elemento alienante. Neste caso, unha ego-xornalista de éxito regresa á súa aldea natal, alterando a vida dos veciños, especialmente dos que viven ao carón, nunha residencia que se ofrece aos escritores para que recobren a súa inspiración nun entorno bucólico.  Esta última foi levada ao cine, moi fielmente, por Stephen Frears en 2010.

Trátase de dúas obras moito máis que recomendables. Iso si, tamén moi densas. E é que Posy Simmonds navega entre o terreo da novela e do cómic sen acabar de decantarse por ningún. Así, sucédense páxinas de narración convencional ilustrada, intercalados con outras onde a historia se nos conta en viñetas. Ademais, os motivos literarios son constantes, e se nun caso a obra código é claramente ‘Emma Bovary’, de Flaubert, no outro, máis sutil, trátase de ‘Lonxe do mundanal ruído’, de Hardy. Tampouco é que haxa que sabelo para gozalo.

Tanto ‘Gemma Bovery’ coma ‘Tamara Drewe’ están editados en castelán por Sins entido.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *